ALCALDÍA

O barrio de Conxo viviu a Festa das Cabazas

08/11/2014 Un ano máis, o barrio de Conxo viviu a súa Festa das Cabazas, organizada pola Coordinadora de Festas Tradicionais do Barrio de Conxo, integrada pola Asociación de Veciños Conxo Aberto, a Asociación de Comerciantes Espertaconxo, a Asociación de Música Tradicional de Conxo e o Centro Sociocultural de Conxo. Esta terceira edición contou tamén cun magosto, ao que estaban convidados non só os veciños e veciñas de Conxo, senón de toda Compostela. O alcalde, Agustín Hernández, e varios concelleiros, achegáronse ata a celebración.

Foi unha xornada de festa na que non faltaron actividades para todos os públicos, destacando o tradicional túnel do terror, o cine infantil, a presenza de postos de artesanía e a actuación do grupo Baobab Teatro, cunha obra para todos os públicos, Bailando cos contos, da Rede Cultural da Deputación da Coruña. E logo celebrouse o tradicional magosto, con castañas asadas e unha bebida quente para espantar a friaxe.

Para preparar a festa, ao longo da semana realizouse o concurso de cabazas terroríficas, con importante premios, e un obradoiro de elaboración de máscaras dirixido aos máis novos.

Compartir: