INCENDIOS

O Concello reactiva o operativo anti-incendios

01/09/2006 O dispositivo contra os incendios activado en agosto púxose de novo en marcha, tralo agromo de novos incendios na xornada do xoves 31 de agosto. Os servizos de Bombeiros, Protección Civil, Policía Local e Cruz Vermella, apoiados polas empresas municipais Cespa e Aquagest, redobraron os seus esforzos e retomáronse as reunións de coordinación.

Para este operativo especial están mobilizadas sete patrullas da Policía Local que percorrerán as distintas parroquias do termo municipal con tres funcións básicas: a detección dos focos de lume, a vixilancia das zonas e a organización dos veciños. Sete unidades de bombeiros están preparadas para actuar en canto se detecte algún foco. Os efectivos divídense en tres turnos, en cada un dos cales están operativos entre 30 e 35 persoas. Para unha maior eficacia na detección e extinción dos incendios, dividiuse a zona rural en cinco distritos, vixiados de xeito permanente.

Tamén Protección Civil está preparada para colaborar tanto no labor de subministro como na eventual colaboración na extinción do lume. A isto hai que unir o traballo de Cruz Vermella e das empresas Cespa, Urbaser e Aquagest. Estas achegan un total de 14 operarios en cada turno e catro cisternas por si se fai necesario levar a auga ao pé do monte.

Máis de 1.000 hectáreas queimadas

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou a reactivación do dispositivo e indicou que na xornada do xoves 31 se queimaron unhas 200 hectáreas, tralos incendios rexistrados nos montes de San Marcos, San Xoan de Fecha e Marrocos. En total, arderon xa en Compostela algo máis de 1.000 hectáreas no mes, ou o que é o mesmo, o 4,5% da superficie municipal.

Sánchez Bugallo lembrou que Santiago é "o concello de Galicia con maior número de incendios, con máis de 100, e xornadas con seis ou sete diarios". A propósito do dispositivo, referiuse á "profesionalidade e eficacia" dos servizos municipais na extinción dos incendios e a permanente alerta na que estarán estes días.

Os montes de San Marcos e de San Xoan de Fecha foron os principais afectados polo lume na xornada do xoves 31. Despois de dezaoito xornadas de tregua, as lapas volveron a requirir a presenza dos servizos municipais de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local, ademais dos servizos de extinción habilitados pola Xunta e polo Estado.

O incendio de San Marcos afectou á unha superficie forestal próxima ao asilo e ameazou por momentos a varias vivendas da zona. O lume quedou controlado a media tarde, malia que quedou en permanente vixilancia ante a posible reactivación dos focos.

Na parroquia de San Xoan de Fecha, as lapas sobresaltaron aos veciños do lugar de Camouzo, onde tamén algunhas vivendas estiveron ameazadas. O incendio desatouse ata en catro focos no contorno das pistas que levan ata a torre de comunicacións do aeroporto ubicada no cumio do monte. A rápida actuación dos servizos de extinción e o traballo dos propios veciños permitiu controlar o incendio, malia que este se reactivou na xornada do venres 1. A alerta é permanente nesta zona, unha das maiores masas forestais de Santiago, situada nunha parroquia como a de Fecha que ata agora se librara do lume.

Pleno extraordinario

O alcalde tamén se referiu ao pleno extraordinario que se convocará o luns 4 e que previsiblemente se celebrará o xoves 10 ou o venres 11. No mesmo solicitarase un crédito de 600.000 euros, dos que 200.000 euros destinaranse aos gastos de persoal. O resto da contía cubrirá os gastos que ocasionan as actividades de repoboación e reforestación das zonas afectadas.

As necesidades económicas afectan tamén aos danos provocados nos vehículos todoterreo do servizo de Bombeiros, que serán substituídos. Isto suporá un desembolso de 300.000 euros. En total, os gastos provocados polos incendios ascenden a 900.000 euros.

Finalmente, o alcalde referiuse á incidencia do lume sobre varios solos definidos como urbanizables no novo PXOM e sobre a afectación aos mesmos das prohibicións legais sobre construción en terreos queimados. "Co PXOM aprobado, non debe serlle de aplicación o previsto neste punto, porque danaría enormemente a terceiras persoas, prexudicaría ao crecemento da cidade e lograría o efecto contrario ao pretendido pola Lei do Sol", sinalou. Ademais, recordou que todos estes montes arderon con posterioridade ao 4 de agosto.

Compartir: