SEGURIDADE E MOBILIDADE

En marcha a terceira edición do plan formativo destinado a condenados por delitos de seguridade viaria

08/11/2014 Durante os meses de outubro e novembro desenvólvese este curso, promovido por Institucións Penitenciarias, que ten como destinatarios a aqueles habitantes da zona de Compostela que foron condenados a penas consistentes en traballos en beneficio da comunidade derivadas de delitos contra a seguridade viaria. Este sábado impartiu o curso a oficial da Policía Local de Santiago, Diana Parente, no Auditorio de Galicia.

O obxectivo que persegue o plan formativo é buscar a prevención da comisión de atentados contra a seguridade da circulación a través da información e o coñecemento das consecuencias que poden carrexar tales condutas. Inculcar a responsabilidade ao penado é o fin que tratan de conseguir os docentes, intentando evitar a reincidencia.

A través deste curso, os asistentes dan cumprimento aos traballos en beneficio da comunidade en materia de delitos contra a seguridade viaria aos que foron condenados, permitíndolle levar a cabo a medida xudicial sen ter que desprazarse dos seu ámbito municipal e cos menores prexuízos para a súa vida familiar, laboral e social, ao tempo que se busca sensibilizalos acerca dos efectos que os seus actos provocan na sociedade. Trátase, en definitiva, de conciencialos de que as condutas que se realizan cando se está ao mando dun vehículo deben de ser responsables.

Dende esta perspectiva, o plan formativo baséase nun conxunto de actividades de sensibilización e reeducación. O contido dos obradoiros está relacionado coa natureza do delito cometido e teñen como fin mellorar a seguridade viaria e reducir as condutas de risco. As sesións, eminentemente prácticas, son impartidas por policías locais licenciados en Criminoloxía e Educación Social. Teñen unha duración de catro horas e contan con 26 participantes.

A criminóloga e oficial da Policía Local de Santiago, Diana Parente, coordina estes talleres na cidade en colaboración con CRIGA e tamén situou o nome de Galicia na publicación "Aspectos criminolóxicos en material de Seguridade Vial", un manual pioneiro a nivel internacional centrado na criminoloxía viaria e pensado para fomentar a prevención.

Compartir: