ALCALDÍA

O alcalde cualifica de "histórico" para Santiago e para Conxo o inicio das obras do paso inferior, unha infraestrutura "imprescindible para a cidade"

07/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu ao acto de colocación da primeira pedra das obras de construción do paso inferior de Conxo, presidido pola ministra de Fomento, Ana Pastor. Cualificou de "histórico" para Santiago e para o barrio de Conxo este día, no que se "inicia o remate do periférico". "Comeza a conta atrás para completar unha infraestrutura imprescindible para a cidade", indicou.

Lembrou o alcalde que o periférico supuxo un antes e un despois para a cidade, pero que este punto de Conxo "converteuse nun problema, nun punto de atasco de tráfico, onde tiñamos que esperar moito tempo non só os veciños de Santiago, senón tamén todos os da bisbarra". Por iso, agradeceu ao Goberno de España, na persoa da ministra de Fomento, "este compromiso coa nosa cidade", construíndo ao fin esta infraestrutura viaria.

"Só nos queda agardar que transcorran estes doce meses para disfrutar desta infraestrutura, que vai significar a resolución dun problema de tráfico para todo periférico, pero tamén un antes e un despois para o barrio de Conxo, cuxos veciños gañarán en seguridade no seu tránsito entre Conxo de Abaixo e Conxo de Arriba, e verán melloradas as súas condicións de vida!.

O novo paso inferior do periférico (SC-20) de Santiago será realidade nuns 12 meses e aliviará o tráfico na actual glorieta de Conxo. Suporá un avance moi importante na mobilidade desta zona da cidade, que utilizan diariamente 38.000 vehículos. O investimento total da actuación ascende a 5,35 millóns de euros.

Características técnicas
A obra consistirá fundamentalmente na depresión do periférico de Santiago en Conxo e na construción dun enlace en forma de glorieta elevada, ademais da reordenación dos accesos e circulacións peonís existentes. A intervención afectará a un tramo de 0,7 quilómetros. Realizaranse os seguintes traballos:

- Depresión dos catro carrís da SC-20 mediante a construcción de muros-pantalla- A sección transversal da estrada será de dous carrís de 3,25 metros de ancho en sentido crecente e dous carrís de 3,50 metros cada un en sentido decreciente, separados los senidos opostos cunha barrera ríxida; beiravías exteriores de 0,50 m e interiores de 0,75 m e 1,25 m.

- Implantación de ramais de enlace.

- Construción dunha estrutura tipo losa, de 17,50 metros de luz e 67 metros de longo sobre pantallas, onde se reporá unha glorieta no nivel superior do enlace similar á preexistente.

- Prolongación da estrutura existente sobre a travesía de Conxo.

- Construción das novas seccións de calzada, redes de drenaxe, sinalización coa nova ordenación do tráfico, elementos de contención e balizamento.

Manterase en todo momento o tráfico pola zona de actuación con cando menos un carril por cada sentido de circulación e se habilitaranse desvíos e itinerarios alternativos sinalizados co obxecto de minimizar as afeccións ao tráfico.

Integración ambiental
Os labores de adecuación ambiental inclúen medidas protectoras e correctoras en relación cos solos, a vexetación natural, as augas e o sistema hidrolóxico, a xestión de residuos, a execución de traballos de control e seguimento ambiental e labores de integración paisaxística a través da revexetación das superficies da obra.

Compartir: