XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a dotación de mobiliario do futuro Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga

07/11/2014 A Xunta de Goberno abriu o procedemento para adxudicar o subministro e instalación de mobiliario do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Destínanse 47.824 euros para este contrato, que suman aos 229.722 euros das obras de construción deste novo equipamento, actualmente en fase de licitación e que teñen un prazo de execución de seis meses.

O edificio estará localizado nunha parcela na que xa existen nestes momentos dous edificios destinados a ensino: o CEIP Apóstolo Santiago e a Escola Municipal de Música. Este centro nace coa intención de convertese nun espazo para a xuventude da cidade, no cal poidan desenvolver as súas inquedanzas e poñer en práctica o seu labor cultural.

Neste equipamento situaranse, por exemplo, os locais de música para a xuventude actualmente localizados nos baixos do Estadio de San Lázaro. Tamén disporá dun centro de creación artística para diversos usos como actuacións musicais, obras de teatro, conferencias ou obradoiros de formación.

Na súa comparecencia tras a Xunta de Goberno, o alcalde, Agustín Hernández, lembrou de novo que estes avances cara a construción do equipamento son posibles tras desbloquearse a situación dun proxecto que acumulaba un considerable retraso. Así, en abril de 2011, o Concello subscribira un contrato cunha empresa para a construción deste Centro sen ter a dispoñibilidade dos terreos, xa que parte deles eran do CEIP Santiago Apóstolo. A desafectación, dixo, fora solicitada tras a sinatura do contrato, o 3 de maio dese ano, e resolta pola Consellería de Educación o 7 de maio de 2013.

Na Xunta de Goberno do 6 de agosto deste ano aprobouse a redistribución dos fondos do Urbana Norte. Obtívose así o crédito que faltaba, 41.113 euros, para completar o orzamento total do Centro Xove da Almáciga e así poder seguir co novo procedemento de licitación, por un importe de 229.722 €. Ademais, resolveuse o contrato coa empresa que fora a adxudicataria anterior, trámite que se aprobou o 22 de agosto. A nova licitación acordouse na Xunta de Goberno do 17 de outubro pasado.

Documentos relacionados



Compartir: