XUNTA DE GOBERNO

Autorizada a licenza para unha nave de 8.000 metros cadrados na Sionlla destinada á venda de materiais de construción

07/11/2014 A Xunta de Goberno autorizou as obras de construción dunha nave para a venda de materiais de construción e aparcadoiro, nunha parcela da rúa País Vasco, no parque empresarial da Sionlla.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, a licenza foi solicitada para a instalación dun establecemento comercial Bricomart. Situarase nunha refírese nunha nave de soto, baixo e entreplanta, cunha superficie total construída de 8.232 metros cadrados e cun orzamento de execución material de 2.524.604 euros, segundo consta no proxecto presentado.

A licenza caducará aos seis meses no caso de non ter iniciado a actividade, e logo de rematadas as obras e instalacións deberase solicitar a licenza urbanística de primeira ocupación.

Lembrou o alcalde que a promotora xa solicitara no pasado mes de xullo a licenza para o movemento de terras e contención da superficie para obrar e agora dáse un novo paso coa autorización das obras para a edificación. A estimación da empresa é de creación duns 130 emprego, 105 directos e 25 indirectos.

Para Agustín Hernández, "trátase dunha iniciativa importante que lle dará máis vida a esta nova superficie empresarial, que cos seus 1,4 millóns de metros cadrados é a máis extensa das que dispón o termo municipal". "Dende o Concello saudamos con optimismo esta constatación dunha nova ocupación neste parque empresarial e agardamos que sirva de estímulo para a implantación doutras iniciativas xeradoras de emprego e dinamizadoras da economía municipal", engadiu.

Mantemento do parque de Brandía
Seguindo no ámbito da área de Desenvolvemento Urbano Sostible, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación definitiva do contrato para a conservación e mantemento do parque de Brandía, á beira do río Sar, na parroquia de Vidán.

Trátase dun contrato reservado centros especiais de emprego e acordouse a súa adxudicación á empresa ASPAS Emprego, S.L. por un importe de 63.404 euros/ano. A duración do contrato é de dous anos, con posibilidade de prórroga por un ano máis.

O contrato está dirixido a realizar un completo coidado dos espazos verdes e do arborado deste parque público, que conta cunha superficie de 61.036 metros cadrados.

Beneficios fiscais pola compostaxe
En materia de servizos básicos, a Xunta de Goberno resolveu 42 solicitudes presentadas para a obtención de beneficios fiscais, na súa maior parte referidos a exención de servizos de lixo e outras de abastecemento e sanemento. Trátase dunha bonificación do 50% na taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos para vivendas que realicen compostaxe de materia orgánica a través de composteiros.

Nestes momentos hai en Santiago 506 composteiros. A bonificación da taxa ten que ser solicitada polos interesados ante o Concello e está xustificada polos beneficios ambientais que supón esta aposta das familias pola compostaxe, ademais dos aforros no tratamento do lixo que significa para o Concello non ter que recoller os residuos sólidos urbanos nestas vivendas.

Alumeado de Nadal
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno autorizou unha modificación do contrato para iluminación no Nadal coa empresa Iluminaciones Santiaguesas, S.L. que ten por finalidade introducir pequenas variacións no relativo aos elementos de iluminación e na súa localización. Non se altera o importe determinado no seu día, que ascende a 48.340 euros, repartidos en dúas anualidades.
Central de Contratación

Ademais, acordouse a adhesión do Concello de Santiago á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias, que se formalizará mediante o correspondente acordo ou convenio.

Esta Central de Contratación, creada no pasado mes de xaneiro, ten por finalidade contratar bens e servizos que, polas súas especiais características sexan susceptibles de ser empregados con carácter xeral pola entidades locais. A medida, que se enmarca nos principios de simplificación administrativa para facilitar os procesos de contratación e condicións económicas máis favorables, non implica a obriga de efectuar todas as contratacións a través da Central, senón só as que resulten de interese para o Concello.

Praza de Abastos
Finalmente, deuse conta da sinatura dunha addenda ao convenio subscrito no seu día entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Economía e Industria e o Concello para a realización e financiamento das obras de remodelación da praza de abastos. A modificación ten por finalidade determinar as anualidades orzamentarias pendentes, tendo en conta o programa de traballo e o aumento do IVE (pasou do 18% ao 21% actual).

Polo tanto, mantéñense as porcentaxes de participación (50% Fomento, 22,45% Xunta e 27,55% Concello) e modifícanse os importes, resultando un total para o conxunto da obra de 5.260.178 € (antes 5.138.616 €), dos que se asignan para a anualidade final de 2014 a cantidade de 2.260.854,54 €, dos que ao Concello lle corresponden 571.683,93 €.

Documentos relacionados



Compartir: