ALCALDÍA

Agustín Hernández aposta por un maior protagonismo das rexións e dos seus parlamentos no ámbito europeo

07/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á sesión inaugural da Asemblea Xeral da Conferencia de Asembleas Lexislativa Rexionais de Europa (CALRE), da que forman parte oito países da Unión Europea: Bélxica, Alemaña, Italia, Austria, Portugal, Reino Unido, Finlandia e España).

Tras ter recibido os participantes en Raxoi na tarde do xoves, o alcalde aproveitou a sesión inaugural para desexarlles unha Asemblea Xeral "frutífera e positiva para seguir avanzando nun maior protagonismo das rexións e dos seus parlamentos no ámbito europeo". "Confío en que esta cidade de Santiago e o espírito do seu Camiño ,que durante séculos propiciou intercambios sociais e culturais, os axude tamén na súa tarefa de avanzar en aspectos tan importantes para o futuro europeo como a cooperación, a cohesión e a subsidiariedade. E tamén á hora de realizar achegas para aspectos de tanta actualidade e relevancia como a inmigración ou a corrupción", engadiu.

Grazas a esta reunión, segundo Agustín Hernández, "Santiago, que é capital e sede das institucións autonómicas de Galicia, pode reafirmar nesta ocasión tan especial a súa inequívoca vocación europea, española e galega, e ofrecerse, igual que ao longo da historia, como unha referencia esencial da orixe e da continuidade do espírito europeo, que reunións como esta axudan a impulsar e fortalecer".

No marco dese espírito, valorou unha política comunitaria que "deu sobradas mostras da súa validez e da súa eficacia para construír un espazo cada vez máis harmónico e cohesionado, onde crece a democracia, a xustiza social e o desenvolvemento sostible".

Compartir: