ALCALDÍA

Agustín Hernández resalta o secular papel de Santiago de Compostela na creación dunha conciencia común europea

06/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu os participantes na Asemblea Xeral da Conferencia de Asembleas Lexislativa Rexionais de Europa (CALRE), da que forman parte oito países da Unión Europea: Bélxica, Alemaña, Italia, Austria, Portugal, Reino Unido, Finlandia e España). Este venres, o rexedor municipal asistirá tamén no Parlamento á inauguración da Asemblea.

Agustín Hernández deulle a benvida a Santiago aos participantes nesta Asemblea e agradeceulles a súa presenza na cidade, que "permite visualizar, tamén dende a perspectiva da actual política comunitaria, o secular papel que Compostela tivo para crear unha conciencia común entre os países da vella Europa". Un impulso que resumiu na frase atribuída ao escritor e científico alemán Goethe: "Europa fíxose peregrinando a Compostela".

Insistiu no papel central do Camiño de Santiago nesa xestación dunha conciencia europea, que fixo tamén que "en Compostela e en Galicia arraigase unha permanente vocación europea que influíu no seu desenvolvemento social, cultural e político".

"Para Santiago de Compostela é unha honra poder recibir esta representación da España e da Europa plural e participativa que constitúe esta Conferencia das Asembleas Lexislativas Rexionais, xusto no momento no que a presidencia recae na titular do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo", indicou o alcalde.

"É tamén unha honra –engadiu- poder compartir con todos os representantes dos pobos europeos ese sentimento e esa vocación de pertenza a un espazo común, que tanto nos deu e que, sen dúbida, seguirá a ser un idóneo marco para construír un continente e un mundo mellor hoxe e no futuro".

Compartir: