ALCALDÍA

Agustín Hernández reivindica o importante labor realizado na cidade en materia de patoloxías óseas e traumatoloxía

06/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou no Auditorio Abanca o XIX Congreso Nacional da SEIOMM (Sociedade Española de Investigación Ósea e do Metabolismo Mineral), que se celebra en Santiago do 5 ao 7 de novembro. Este encontro, que reúne prestixiosos especialistas nacionais e internacionais, pretende unha posta ao día dos avances científicos máis recentes e mellorar a práctica clínica e científica na investigación ósea e o metabolismo mineral.

Agustín Hernández lembrou os eventos médicos que vén acollendo Santiago nos últimos meses, algo ao que contribúe "a vocación médica de Santiago de Compostela, que foi crecendo e desenvolvéndose en paralelo á evolución da propia ciencia e moi interrelacionada co crecente auxe do Camiño de Santiago". Ao mesmo, dixo, "debemos a existencia do Hospital dos Reis Católicos, que iniciou a súa construción a finais do século XV e continuou sendo o hospital de referencia de Santiago e da súa área ata mediados do pasado século, que pasou a converterse en Hostal".

"Baixo o seu amparo e o da Universidade, constantemente vinculados dende as súas orixes, foi crecendo o prestixio médico de Compostela, primeiro dende un modelo docente de corte escolástico e, xa a partir do século XIX, cunha orientación máis práctica e experimental", indicou o alcalde. Tras recordar tamén o papel da Escola Médica Compostelá, apuntou que, na actualidade, "as actividades relacionadas coa saúde seguen a ser uns dos máis destacados sinais distintivas desta cidade".

Neste marco, expresou a súa certeza de que este Congreso "axudará a por de relevo o importante labor que, en materia de patoloxías óseas e traumatoloxía, se desenvolve na nosa cidade". Personalizou ese traballo no doutor José Ramón Caeiro, membro da Sociedade Española de Investigación Ósea e do Metabolismo Mineral e presidente do Comité Organizador deste evento.

Por iso, afirmou que para Santiago é "un gran honor" acoller esta cita médica sobre a investigación ósea, que "servirá tamén para concienciar á poboación da importancia da prevención e dos coidados para evitar os riscos dunha enfermidade de crecente importancia nunha sociedade na que a esperanza de vida vai en progresivo aumento e, con ela, as dificultades para manter e fortalecer a estrutura ósea".

En concreto, explicou, a osteoporose (diminución do tecido óseo e, como consecuencia, debilitamento dos osos, cunha maior prevalencia en mulleres, está considerada unha enfermidade silente e incapacitante. En España padécena uns tres millóns de persoas e, a causa dela, prodúcense unhas 80.000 fracturas. En Galicia estímase que padecen esta enfermidade unhas 100.000 persoas, das que un 90% son mulleres. En 2013, o SERGAS atendeu máis de 3.200 fracturas de cadeira de persoas maiores de 65 años, a maioría por osteoporose.

As operacións e os tratamentos supoñen un gran custo social e a inmobilización conseguinte a unha fractura fai que as persoas maiores vexan incrementados os seus problemas de saúde e, con eles, se vexa ameazada a súa supervivencia, indicou Agustín Hernández.

Compartir: