CENTROS SOCIOCULTURAIS

Nova edición da Festa das Cabazas e do magosto veciñal no barrio de Conxo

06/11/2014 Un ano máis, a Coordinadora de Festas Tradicionais do Barrio de Conxo, integrada pola Asociación de Veciños Conxo Aberto, a Asociación de Comerciantes Espertaconxo, a Asociación de Música Tradicional de Conxo e o Centro Sociocultural de Conxo organiza este sábado 8 de novembro a terceira edición da Festa das Cabazas, que de novo contará cun magosto ao que están convidados non só os veciños e veciñas de Conxo, senón de toda Compostela.

A Festa das Cabazas é unha proposta que nace da Coordinadora das Festas Tradicionais de Conxo dentro dun proxecto de dinamización do barrio de Conxo. Hai máis de tres anos, distintas entidades que traballan no barrio, xuntáronse para facer unha proposta conxunta de dinamización cultural cun dobre obxectivo: por un lado, consolidar propostas de traballo común por parte das diversas entidades do barrio e, por outro, fomentar unha maior participación dos veciños e veciñas de Conxo nas actividades culturais tradicionais.

A presente edición será unha xornada de festa na que non faltarán actividades para todos os públicos, destacando o tradicional túnel do terror (organízanse varios pases por idades a partir das 18:00 horas, cun pase final para adultos), o cine infantil, a presenza de postos de artesanía e, ás 19:15 horas, a actuación do grupo Baobab Teatro, cunha obra para todos os públicos, Bailando cos contos, da Rede Cultural da Deputación da Coruña. E a partires das 19:30 horas, o tradicional magosto, con castañas asadas e unha bebida quente para espantar a friaxe.

Para preparar a festa, ao longo da semana realízase o concurso de cabazas terroríficas, con importante premios, e un obradoiro de elaboración de máscaras dirixido aos máis novos (require de inscrición previa), para que o día da festa todas aquelas persoas que o desexen poidan vir disfrazadas para ambientar o día.

Para ampliar información sobre a participación nas actividades ou inscribirse nas mesmas, os interesados poden dirixirse ao Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo.

Documentos relacionados



Compartir: