ALCALDÍA

O alcalde destaca os efectos positivos da rehabilitación na recuperación do patrimonio e no conxunto da economía do país

06/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou no Museo do Pobo Galego as II Xornadas de Rehabilitación en Madeira, "20 anos de rehabilitación en Galicia", nas que se aborda a rehabilitación neste eido en Santiago e Allariz. As sesión están organizadas polo Clúster da Madeira de Galicia (CMA).

Ante as dificultades para afrontar a execución de obra nova, o alcalde destacou o impulso que, tanto dende o Ministerio de Fomento, como da Xunta de Galicia e dos Concellos, se vén dando á rehabilitación, "unha actividade que no caso concreto de Galicia, e en Santiago de Compostela en particular, sempre gozou dun tratamento especial". Así, destacou que, en Galicia, "fomos pioneiros en axudas para o medio rural e para os conxuntos históricos, e tamén na creación de áreas de rehabilitación, e mesmo se creou unha área moi especial que engloba aos 107 concellos polos que discorre o Camiño de Santiago".

"Nos últimos anos tamén se flexibilizaron en Galicia as esixencias para a rehabilitación rural, recuperando o seu atractivo cunha regulación máis racional na que se eliminaron imposicións innecesarias", apuntou Agustín Hernández.

Santiago, un caso paradigmático
Segundo o alcalde, "o caso de Santiago de Compostela é paradigmático dentro do ámbito urbano, como se recoñece nestas Xornadas, xa que a través da figura da Oficina de Rehabilitación creada hai xustamente 20 anos (1994) leváronse a cabo máis de 1.700 intervencións en vivendas e elementos comúns dos edificios". "Esas actuacións –dixo- supuxeron un custo medio por vivenda de 18.000 euros, con subvencións que chegan a acadar o 24% do custo total, o que significa que se moven algo máis de 3 euros por cada euro que destina a este fin a Administración".

Lembrou que o labor desenvolvido en Santiago é froito dunha permanente coordinación entre o Consorcio da cidade, o Concello e os servizos da Xunta de Galicia. "As tarefas de rehabilitación desenvolvidas teñen uns efectos moi positivos, non só para a recuperación do patrimonio ou a máis directa dinamización de empresas da construción ou o da madeira, senón tamén polas posibilidades que ofrece para o conxunto da economía do país".

Os programas de rehabilitación levados a cabo en Santiago teñen como eixe principal a mellora da habitabilidade das vivendas co triplo obxectivo de fixar poboación na cidade histórica; potenciar a industria galega, principalmente a madeireira; e formar axentes que deben intervir no mantemento ordinario da edificación existente: técnicos, empresas e man de obra, recuperando oficios tradicionais e promovendo o coñecemento e o uso das novas técnicas compatibles coas tradicionais.

"Froito da intensa actividade é gran cantidade de edificios privados rehabilitados e moitos edificios recuperados para o patrimonio público", afirmou o alcalde. Entre eles, citou a rehabilitación da Casa do Cabido e do Deán, a rehabilitación da Casa Europa na Finca Vista Alegre ou a adecuación do antigo edificio do Banco de España para Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Explicou que actuacións que se están a desenvolver nos últimos anos afectan, sobre todo, a traballos relacionados co mantemento de edificios e vivendas, elementos catalogados ou melloras na eficiencia enerxética, non só de edificios con catalogación de históricos senón tamén nas infraestruturas incorporadas en épocas recentes ao patrimonio municipal.

Con esas mesmas premisas, o Concello de Santiago segue a promover a rehabilitación no seu ámbito. "E faino convencido da necesidade de conservar, manter e mellorar o patrimonio urbano e da gran transcendencia económica e social que se xera arredor da actividade da rehabilitación para múltiples sectores, entre eles o da madeira, de gran tradición e potencial en Galicia", indicou.

E en referencia ao ámbito particular da madeira, expresou a súa confianza en que, "coa aposta das Administracións públicas, e singularmente, do Concello de Santiago, pola rehabilitación de vivendas e edificios -que debemos manter como unha prioridade necesaria-, se faga posible tamén o mantemento e a mellora do sector da madeira para que siga a ser un dos piares da nosa economía e un elemento decisivo para contribuír ao sostemento ambiental de Galicia".

Teño a certeza de que xornadas coma estas van nesa dirección de dinamizar o sector e concienciarnos da importancia de apoiar e promover o seu desenvolvemento.

II Xornadas de Rehabilitación en Madeira
As II Xornadas de Rehabilitación en Madeira teñen como obxectivo ser un punto de encontro no que debater sobre as posibilidades que ofrece a rehabilitación e amosar solucións técnicas en madeira.

A primeira Xornada celébrase no Museo do Pobo Galego e aborda as rehabilitacións da Casa do Cabido e do Pazo de Fefiñanes (Cambados). Está prevista unha visita guiada ás obras da Casa do Deán e do Cabido.

Xa na segunda Xornada, a cita será en Allariz, onde César Portela e a Oficina de Rehabilitación da vila explicarán as principais intervencións realizadas na zona, incluíndo unha visita ás mesmas.

Compartir: