PLENO

O Pleno aproba o investimento de 1,2 millóns de euros de remanentes nun plan de actuacións urxentes e sustentables na cidade

06/11/2014 O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria, aprobou inicialmente a amortización anticipada de débeda e o financiamento de investimentos con cargo ao remanente líquido de tesourería. Deste xeito, porase en marcha un plan de choque de actuacións sustentables e urxentes na cidade, por importe de 1,27 millóns de euros. Trátase dunha cantidade procedente do remanente de 5,2 millóns de euros dos orzamentos de 2013. O resto, algo máis de 4 millóns de euros, destinarase a amortizar débeda.

Cos votos favorables do grupo de Goberno e malia o voto negativo do grupo socialista e a abstención do nacionalista, aprobouse esta distribución do remanente de tesourería, cuxos principais detalles explicou no Pleno o concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga. Esta medida é posible grazas á boa situación do remanente da tesourería municipal, cun resultado derivado da conta xeral de 2013 de 5.286.341 euros. Estes remanentes proceden sobre todo do Concello (4.593.278 euros), pero tamén do Auditorio de Galicia (693.063 euros).

É posible tamén esta decisión grazas a que o Concello cumpre os requisitos fixados pola Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira: non existencia de déficit; cumprimento co período de pago a provedores por debaixo dos 30 días (no Concello, a mes de outubro, este período é de 26,80 días); e destino do remanente a investimentos sustentables ou amortización de débeda.

O plan de choque de actuacións sustentables e urxentes suporá investimentos por 1.277.835 euros. Unha parte desta cantidade destinarase a partidas xenéricas, por un total de 740.000, para acometer, antes de fin de ano, as seguintes intervencións:

- Proxecto de obras de reforma e reposición de alumeado público: 140.000 euros.
- Proxecto de obras de reposición de saneamento/abastecemento: 100.000 euros.
- Proxecto de repavimentación de vías públicas: 300.000 euros.
- Proxecto de reparación de camiños veciñais: 200.000 euros.

Outros 537.835 euros dedicaranse a proxectos de obra xa concretados:

- Reparación de cuberta do taller do parque móbil: 24.000 euros.
- Proxecto da obra do Arquivo nos locais de Emuvissa propiedade do Concello: 50.000 euros.
- Obras de reposición e reforma do alumeado público en Santa Isabel: 9.000 euros.
- Obras de instalación de marquesiñas: 20.000 euros.
- Instalacións semafóricas, bolardos e outros: 356.700 euros.
- Creación de áreas de xogo en Meixonfrío e Verdía: 78.135 euros (59.895 + 18.150 euros).

Amortización de débeda
O destino do resto de remanentes, ata 4.008.506 euros, será a amortización de débeda, permitindo liberar en 2015 esta cantidade, que en principio se ía destinar a débeda, e destinala a programas de gasto de investimento e de gasto social. Ademais, este libramento posibilitará un aforro nos xuros a pagar no próximo exercicio de entre 60.000 e 100.000 euros.

A propósito desta cuestión, o concelleiro de Facenda lembrou que, a xullo de 2011, a débeda total do Concello si situaba nos 70 millóns de euros e a débeda financeira a decembro de 2010 era de 64,1 millóns de euros. En agosto de 2014 –indicou- a débeda baixou ata os 48,60 millóns de euros, o que supuxo rebaixar a débeda por habitante dos 676,18 euros do ano 2010 aos 506,23 euros de agosto de 2014, diminuíndoa en 169,95 euros.

Compartir: