PREMIO

José Ovejero recibiu o Premio Bento Spinoza de Ensaio por "La ética de la crueldad"

05/11/2014 A concellería María Jesús Sáinz asistiu no IES Rosalía de Castro ao acto de entrega do IV Premio Bento Spinoza de Ensaio a José Ovejero, pola súa obra La ética de la crueldad.

Como en cada edición, o xurado do galardón estivo formado por dez alumnos, dous por cada un dos institutos galegos desta ocasión: IES Chano Piñeiro de Forcarey, IES Leiras Pulpeiro de Lugo, IES Agra do Orzán da Coruña, IES Julio Prieto Nespereira de Ourense e o organizador, IES Rosalía de Castro. A dotación do Premio Bento Spinoza é de 3.000 euros.

La ética de la crueldad, de José Ovejero, foi a obra elixida polo xurado nun certame no que tamén resultaron finalistas as seguintes publicacións: Gente peligrosa, de Philipp Blom; Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira; e Vidas sintéticas, de Ricard Solé.

O Premio Bento Spinoza foi creado a finais do 2008 e presentouse publicamente durante a visita de Stephen Hawking a Compostela e ao Instituto Rosalía de Castro, onde pronunciou unha conferencia. A súa filla Lucy Hawking actuou como madriña do premio, que naceu como irmán do San Clemente de narrativa.

Os gañadores das tres primeiras edicións foron: Daniel Pennac, por Mal de escuela; Jean Didier Vincent, por Viaje extraordinario al centro del cerebro; e Peter Sloterdijk, por Ira y tiempo.

Compartir: