CULTURA

O Auditorio de Galicia acolle o VIII Certame Galego de Bandas de Música

05/11/2014 O sábado 15 e o domingo 16 de novembro, o Auditorio de Galicia acollerá o VIIII Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP). No evento participarán 11 bandas e uns 500 músicos procedentes de diferentes partes de Galicia.

A concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, presentou o certame e expresou o "orgullo" que para Santiago supón acollelo. Salientou o éxito que cada ano rexistra este encontro, que pon de relevo a "afección pola música existente en Galicia". Acompañaron á edil na rolda de prensa o presidente e o secretario da FGBMP, Armando Morales e José Lodeiro.

As bandas participantes forman parte de cada unha das tres seccións segundo o número de membros cos que conta cada unha das agrupacións. Así, na sección terceira, para formacións de ata 50 músicos, competirán a Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda de Música A Lira de Ribadavia, a Banda da Escola de Música de Rianxo, a Unión Musical de Cabral e a Banda da Asociación Cultural e Musical Solfa, representación compostelá neste certame. A sección segunda, con formacións de 51 a 70 músicos, terá como participantes a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, a Xove Banda de Narón e a Banda de Música Municipal de Agolada. Finalmente, a Banda de Música Cultural de Teo e a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis competirán na sección primeira, para bandas de máis de 71 persoas.

Despois dun pasodobre de presentación non puntuable, cada banda deberá interpretar unha obra obrigada e unha peza de elección libre. As obras obrigadas son: Na Galiza, de Paulino Pereiro Martínez, na sección primeira; Aires do Norte, de Jaime Ismael Enguídanos Royo, na segunda; e Festa na Tolda, de Gustavo Freire, na terceira.

Establécense premios para o primeiro, segundo e terceiro clasificado de cada sección: 2.000, 1.200 e 700 euros na primeira; 1.800, 1.100 e 600 euros na segunda; e 1.200, 800 e 500 euros na terceira. Ademais, entregarase para cada sección un premio á interpretación dunha obra de temática galega, con utilización de recursos musicais propios de Galicia, que segundo o criterio do xurado mereza tal recoñecemento. Este premio estará dotado con 1.000, 800 e 600 euros, segundo a sección.

O xurado encargado de elixir os gañadores estará composto por Indalecio Fernández Groba, Francisco Ferreira, Sixto Manuel Herrero Rodes, Rafael Rosell Toledo e Xosé Carlos Seráns Olveira.

Concurso de Composición
Na cerimonia de entrega de premios do domingo 16 tamén se entregarán os galardóns do VII Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica. As obras saídas deste certame son estreadas pola Banda Sinfónica da Federación e interpretadas como obrigatorias no Certame Galego de Bandas de Música.

Para as composicións gañadoras da terceira e da segunda categoría haberá un premio de 2.000 euros, diploma acreditativo, edición da obra e designación como obra obrigada no Certame Galego de Bandas de Música. Poderán outorgarse en cada unha destas categorías un finalista que recibirá a cantidade de 500 €, diploma acreditativo e edición da obra.

Para a 1ª categoría, o premio estará dotado con 3.000 €, diploma acreditativo, edición da obra e designación como obra obrigada no Certame Galego de Bandas de Música. Tamén poderá concederse 800 euros a un finalista

Direcciones relacionadas



Compartir: