CONSORCIO

O Consorcio de Santiago comeza as obras no Multiúsos do Sar para atallar as filtracións da auga da chuvia ao interior do edificio

04/11/2014 O Consorcio de Santiago vén de adxudicar a obra de eliminación de filtracións pluviais no Multiúsos do Sar por un importe de 95.469 euros. A empresa Proyecon Galicia, S.A. acaba de comezar os traballos e estímase que as diferentes intervencións estean rematadas no prazo de dous meses.

Xosé Allegue é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto. Explica que se van abordar dous ámbitos de actuación no edificio, por tratarse dos dous focos dos que xorden as filtracións de auga. En primeiro lugar, vaise intervir sobre o corredor superior perimetral da cuberta plana e, por outro lado, actuarase sobre a fachada inferior perimetral.

A cuberta plana superior dispón dun corredor perimetral de fibra de vidro que se atopa en mal estado e con diversas roturas, como consecuencia do esgotamento da vida útil do material. Estas roturas facilitan que a auga da chuvia pase ao interior do edificio.

Tal como informan os técnicos do Consorcio, a intervención na cuberta superior centrarase na retirada da fibra de vidro deteriorada. Procederase á limpeza da zona e aplicarase un sistema de impermeabilización.

A intervención na cuberta inferior de cobre
Por outro lado, "o faldrón perimetral inferior, construído con paneis sándwich de cobre, dispón de cubrexuntas que se desprenderon ou se desprazaron en moitos casos, seguramente por obsolescencia das grapas de fixación e pola acción do vento, polo que perderon a súa capacidade de estanqueidade", inala Xosé Allegue.

Neste caso, a intervención consistirá no repaso e refixación da totalidade de tapaxuntas de cobre nas xuntas dos paneis. Substituiranse as grapas en mal estado e realizarase un selado previo das xuntas con resinas especiais.

Compartir: