TURISMO

Turismo de Santiago promociona Compostela no mercado británico, o cuarto internacional máis importante para a cidade

04/11/2014 Turismo de Santiago está promocionando a cidade na World Travel Market, a feira turística máis importante do mercado británico, que se celebra en Londres entre o 3 e o 6 de novembro.

Neste 2014, a empresa municipal de promoción turísticas participou nas principais feiras turísticas dos seus principais mercados emisores, como Fitur Madrid e a Holiday World de Dublín en xaneiro, a ITB de Berlín en marzo, a ABAV de Sao Paulo e a Jata de Tokio en setembro, ou a TTG de Rimini en outubro.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o persoal de Turismo de Santiago están mantendo numerosas reunións con diferentes profesionais do sector británico para continuar mellorando o presencia da cidade neste mercado, prioritario para a cidade, que no 2013 foi o cuarto con maior número de pernoctacións en Santiago, tras Italia, Alemaña e EEUU.

A edil tamén manterá unha xuntanza cos representantes da St. James Confraternity, unha asociación fundada xa no ano 1983 para difundir o rico patrimonio do Camiño de Santiago. Trátase dunha asociación que naceu dez anos antes do Xacobeo de 1993, que marcou o punto de inflexión no desenvolvemento e na promoción do Camiño de Santiago.

Esta asociación ten máis de 2.000 membros e, ademais de desenvolver unha ampla tarefa de promoción do Camiño no Reino Unido con guías e charlas, conta tamén con dous albergues, un en Rabanal del Camino dende o ano 1991, cando apenas había servizos específicos para os peregrinos, e outro en Miraz dende 2005, xestionados polo seus propios voluntarios.

O número de pernoctacións de turistas do Reino Unido en Santiago viviu un crecemento moi importante no último par de anos. No ano 2011 sumou apenas 17.914 pernoctacións na cidade. Pero no ano 2013 chegaron ata as 32.557, o que significa un aumento do 81,74% en a penas dous anos. Este aumento é unha das razóns que explican que no 2013 Santiago lograse o seu máximo histórico en pernoctacións internacionais, con 444.584.

Compartir: