ALCALDÍA

O alcalde destaca a brillante traxectoria docente e investigadora de Carmen García Mateo, Premio María Josefa Wonemburger

03/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á entrega do VIII Premio María Josefa Wonemburger Planells á investigadora Carmen García Mateo. O acto, celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), estivo presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Na súa intervención, o alcalde aproveitou a entrega do galardón a unha especialista na codificación da voz como Carmen García Mateo para lembrar que esa foi precisamente unha das facultades que se lle negou á muller durante séculos. Así, recordou os anos nos que as mulleres permaneceron silenciadas e ignoradas na vida pública. Foi tamén un bo momento para gabar o labor de pioneiras do movemento feminista en Galicia como Concepción Arenal, Juana de Vega, Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, que contribuíron a que as mentalidades e os tempos foran cambiando.

Agustín Hernández apuntou que o premio María Josefa Wonemburger, eminente matemática falecida este mesmo ano, é unha mostra do compromiso público por seguir avanzando na senda da igualdade.

Da premiada, Carmen García Mateo, lembrou a súa brillante traxectoria docente e investigadora vinculada á Universidade de Vigo, onde traballa no terreo das tecnoloxías da información e do coñecemento, de forma moi especial en todo o relacionado coas tecnoloxías da fala. En especial, valorou que traballe para que a nosa lingua sobreviva e medre no universo dixital.

Carmen García Mateo é catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo. Licenciouse no ano 1987 na Universidade Politécnica de Madrid e doutorouse en 1993 cunha tese sobre "Técnicas de Representación do Espectro en Codificación de Voz e Baixa Velocidade".

Dende principios dos anos noventa traballa como profesora titular na Escola de Enxeñería de Telecomunicación, na Universidade de Vigo, onde tamén ten desempeñado o cargo de vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, entre os anos 2006 e 2010. Así mesmo, ten participado en importantes publicacións científico-técnicas e multitude de proxectos de I+D; e é socia fundadora da Sociedade Española para a Acústica Forense, SEAF.

Compartir: