DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello acomete un plan de podas que afectará a preto de 10.000 árbores

03/11/2014 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, acompañada do responsable de Parques e Xardíns, José Antonio Mosquera, deu conta do plan de podas de inverno. Iniciado a finais de outubro, este programa de traballos prolongarase ata primeiros de abril de 2015 e afectará a unhas 10.000 árbores. Esta programación responde a unha planificación prevista para os vindeiros anos, co obxectivo de lograr un mantemento arbóreo máis sostible tanto no eido ambiental como no económico.

Segundo explicou Teresa Gutiérrez, o obxectivo destas podas é adaptar o volume da copa das árbores a cada ámbito particular. Trátase de axustar as partes aéreas do arborado a un nivel axeitado a cada especie e de adecuar a estrutura dos exemplares que na actualidade non están correctamente formados, para minimizar as frecuencias e diámetros de corte, diminuíndo tamén deste xeito o risco de enfermidades por fungos e insectos escolítidos. Ademais, búscase minimizar as molestias a terceiros e o voume de residuos xerados.

Realízanse tres tipos de poda: de mantemento do arborado de aliñación, reducindo o volume de copa; de limpeza, coa eliminación de pólas rotas, mal orientadas ou secas; e de formación, establecendo ramas estruturais fortes.

Para a execución destes traballos de poda, a empresa adxudicataria conta cun técnico coordinador, con tres oficiais podadores, con outros tres operarios de sinalización e amoreamento, cun oficial condutor e cun operario de triturado (para compost). En canto a medios materiais, disponse de tres plataformas autopropulsadas e monotripuladas, unha furgoneta con remolque lixeiro, un camión con pluma de recollida, unha desfibradora forestal, tres motoserras eléctricas, tres tesoiras eléctricas e un cortasebes eléctricos.

Tres grupos de traballo
Configuráronse tres grupos de traballo, o primeiro dos cales actuará na área denominada Fontiñas – San Lázaro ata o 27 de marzo de 2015, podando 3.481 árbores. O grupo 2 encárgase da zona Ensanche – Restollal, incluíndo aquí tamén as parroquias. Traballará ata o 27 de marzo sobre 3.153 árbores. Finalmente, o grupo 3 actuará na área Galeras- Auditorio – Bonaval. As tarefas afectarán a 3.066 árbores e está previsto que conclúan o 2 de abril.

Os traballos, indicou a edil, realizaranse segundo un programa marcado, pero tamén se efectuaran labores de poda en función de necesidades que se vaian detectando. Puxo como exemplo interferencias de árbores no alumeado ou na sinalización viaria, ou traballos motivados pola afectación ás árbores da climatoloxía desfavorable.

En calquera caso, enmarcou estas podas un programa plurianual, co obxectivo de que, progresivamente e debido a estas tarefas de mantemento regulares, cada ano sexa necesario un menor número de podas. Así, cun plan a catro anos, prevese que nos dous primeiros se teñan que podar 10.241 árbores anuais. Ao terceiro ano xa só se precisarían podas en 5.427 árbores e, no cuarto, en 4.886 árbores.

Documentos relacionados



Compartir: