TURISMO

As pernoctacións de turistas do Reino Unido en Santiago de Compostela creceron máis dun 80% entre os anos 2011 e 2013

01/11/2014 Turismo de Santiago promocionará a vindeira a semana a cidade na World Travel Market, a feira turística máis importante do mercado británico, que terá lugar en Londres entre o tres e o seis de novembro. Prevese a presencia de mais de 50.000 profesionais do sector. Aproximadamente o 50% deles son británicos, pero tamén hai unha importante presenza de profesionais europeos e asiáticos.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o persoal de Turismo de Santiago manterán numerosas reunións con diferentes profesionais do sector británico para continuar mellorando o presenza da cidade neste mercado, prioritario para a cidade, que no 2013 foi o cuarto con maior número de pernoctacións en Santiago, tras Italia, Alemaña e EEUU.

A organización da feira conta cunha plataforma de xestión previa de reunións, "My WTM", mediante a cal xa se xestionaron encontros con algún dos touroperadores de turismo cultural máis importantes do mercado británico, como Martin Randall, que na súa oferta inclúe un exclusivo percorrido polo Camiño de Santiago cun prezo superior ás 3.000 libras.

O Reino Unido é un mercado prioritario para Santiago, aínda que entre os anos 2008 e 2011 viviu un claro retroceso nas pernoctacións na cidade. No 2007 alcanzáronse as 45.000 pernoctacións, pero dende entón descendeu dun modo moi importante, contraéndose máis da metade. Así, tanto en 2010 coma en 2011 houbo menos de 20.000 pernoctacións, cando baixou ata o sexto posto en pernoctacións na cidade.

Pero no ano 2012 houbo unha recuperación importante no número de pernoctacións do Reino Unido con respecto ao 2011, pasando de 17.914 a 24.125, un crecemento do 35%. Este crecemento continuou o ano pasado, chegando ata as 32.557 pernoctacións, que é o terceiro mellor resultado do mercado británico na cidade.

Así, entre os anos 2011 e o 2013 houbo un crecemento do 81,74% nas pernoctacións de turistas do Reino Unido na cidade. Esta recuperación veu acompañada dun aumento do 66,57% no tráfico de pasaxeiros entre Santiago e Londres. No ano 2011 este tráfico foi de 52.197 pasaxeiros na conexión de Ryanair. No 2013 este tráfico foi de 86.947, sumando os pasaxeiros de Ryanair e Easyjet, que implantou a súa ruta co aeroporto de Gatwick en xuño do ano pasado.

Compartir: