ALCALDÍA

O Concello fai as súas suxestións á Xunta para a recuperación das zonas afectadas polo lume

28/08/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño realizaron unha visita polos principais lugares de Compostela afectados polos incendios. Ámbolos dous escoitaron aos veciños de Villestro, de Figueiras e do Romaño, que coincidiron en apuntar a necesidade das concentracións parcelarias como medio para facilitar o non abandono do monte.

A demanda de concentracións parcelarias foi ben recibida por Emilio Pérez Touriño, que anunciou que esa será unha das tarefas nas que traballará o seu Goberno. "Son anos de abandono do monte e temos necesariamente que abordar as tarefas de concentración parcelaria, de tal maneira que poidamos ordenar e cultivar o monte", sinalou.

O presidente da Xunta anunciou a posta en marcha "dun plan de recuperación e de impulso do monte e do ecosistema danado". Esta iniciativa centrarase en tres ámbitos: a reforestación e a recuperación da masa forestal; medidas contra a erosión e a desertización; e a mellora das infraestruturas. Segundo dixo, este plan, que se aprobará no Consello da Xunta do 31 de agosto, contará cun orzamento de mais de 100 millóns de euros. Finalmente, anunciou que en breve se porá a traballar no Parlamento a comisión que proporá as medidas necesarias para o futuro, que se traducirán en novas normas sobre montes e emerxencias, na revisión do sistema operativo de incendios e en novas medidas territoriais e urbanísticas.

O presidente autonómico fixo estas declaracións tras percorrer algúns dos lugares de Compostela máis afectados polo lume, como Villestro, Figueiras ou Romaño. Alí, o alcalde de Santiago indicoulle ao titular do Executivo galego as particularidades de cada unha das áreas implicadas nos incendios e comunicoulle que o Concello lle formulará á Xunta as súas suxestións para a recuperación das mesmas.

Sánchez Bugallo lembrou que "Santiago nunca sufrira un ataque destas magnitudes e tan centrado no contorno urbano". Neste aspecto insistiu tamén Pérez Touriño, quen dixo que se asistiu "a unha tipoloxía nova de incendios, que se produciron de maneira intensa e golpeando a núcleos habitados".

Finalmente, ámbolos dous coincidiron en destacar a resposta dos veciños ante a situación de emerxencia vivida e en defensa das súas propiedades. "Quero resaltar a capacidade de resposta, cargada de coraxe, de determinación e de vontade, da sociedade civil e dos operativos. Galicia deu unha resposta de sacrificio, de abnegación e de capacidade de mobilización extraordinaria", dixo o presidente da Xunta.

Compartir: