CULTURA

A compañía Los Lunes presenta "Cuerdas" e "Wild Wild Wilde" no ciclo Teatro & Danza

16/10/2014 A compañía madrileña Los Lunes ofrece este venres e o sábado dúas obras dentro do ciclo Teatro & Danza 2014, ambas dirixidas pola compostelá Fefa Noia: Cuerdas e Wild Wild Wilde.

Este venres representarán Cuerdas, un texto de Bárbara Colio arredor da historia de tres irmáns que camiñan pola corda frouxa da súa vida. Será a partir das 21:00 horas no Teatro Principal. As entradas para este espectáculo custan 12 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

"Cuerdas fálanos dos fillos sen pais e dos pais sen fillos, da xordeira que produce escoitarse con demasiada atención durante demasiado tempo, da dor que encerran as palabras que nunca se chegan a dicir e do bálsamo do silencio para as feridas abertas polas palabras ditas, de calarse antes de tempo ou de falar demasiado tarde", di a directora compostelá Fefa Noia.

Bárbara Colio, autora do texto, defíneo así: "Trátase dunha historia de viaxe, un paso ao baleiro, a eses ocos da infancia que buscan encherse de adultos, sen éxito. Iso é o que nos move a obter respostas sen saber exactamente cal é a nosa pregunta É apenas un reflexo roto de tres homes únicos. É unha obra á que quero de máis". Bárbara Colio e os actores da obra manterán un encontro co público ao remate da representación.

En Cuerdas, tres irmáns irmáns reciben unha carta do seu pai, funambulista de fama internacional, anunciándolles a súa retirada e invitándoos a ver a súa última actuación. Ás súas costas unha ringleira de reproches e rancores. Ante eles unha viaxe cargada de dúbidas e esperas, de carreiras cara a diante e pasos atrás, de equilibrios e desequilibrios sobre a corda. Ata que chegue o gran salto.

Wild Wild Wilde
Xa o sábado poderemos ver, tamén ás 21:00 horas, no Teatro Principal, Wild Wild Wilde, de José Ramón Fernández, con textos de Óscar Wilde. O prezo tamén é de 12 euros, 10 se se presenta a entrada de Cuerdas.

Ata 1895, Oscar Wilde era un afamado escritor celebrado pola flor e a nata da intelectualidade europea. Entón Wilde foi declarado culpable de vergoñosas indecencias e condenado a dous anos de traballos forzados. Durante a súa estancia no cárcere escribiu De Profundis, carta dirixida a Lord Alfred Douglas.
que

Máis alá de revisar a relación sentimental que os uniu, Wilde entrégase á reflexión sobre a natureza do amor e do odio, da traxedia e da comedia, do público e do privado, da excepción e da norma. A reflexión, en fin, sobre o paradoxo que constitúe o mero feito de vivir.

"De profundis é un texto inesperado en Oscar Wilde. Unha carta dende o cárcere. Unha renuncia ao pracer en prol da dor. E aí radica a enorme atracción que esperta", explica Fefa Noia.

Compartir: