SOLIDARIEDADE

ABAGAL celebra a súa Gala da Diversidade

16/10/2014 A Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL) presentou en rolda de prensa a súa VIII Gala da Diversidade, que se celebrará este domingo 19 de outubro, ás 17:30 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. A entrada pódese adquirir no despacho de billetes a un prezo solidario de 6 euros.

O Mercado de Abastos de Santiago acolleu a presentación da Gala, presidida pola concelleira de Economía, Reyes Leis, e membros de ABAGAL: Dora Sarmiento, presidenta; Mª Flora Cajide, cofundadora; e Adán Iglesias, traballador social da Asociación. No acto expuxéronse algunhas das actividades previstas para este evento benéfico, destinado a recadar fondos para loitar contra os trastornos da conduta alimentaria, así coma para concienciar á opinión pública acerca de enfermidades coma a bulimia e a anorexia e a súa elevada incidencia na sociedade.

Na apertura da rolda de prensa, as actrices Mela Casal e Gloria Ferreiro, xunto co actor Xavier Picallo, representaron pequeno sketch humorístico. As dúas actrices foron as principais impulsoras deste proxecto dende o seu nacemento.

Humor, música, maxia e danza
A doutora Gastañaduy, psiquiatra da Unidade de Trastornos da Conduta Alimentaria do Hospital Provincial de Santiago de Compostela, será a encargada de introducir a VIII Gala da Diversidade, dando a coñecer algo máis da realidade destas enfermidades e as súas consecuencias.

A presentación da gala correrá a cargo de Clara de Saá, condutora do programa de Radio Galega "Convivir en igualdade", e de José Manuel García, condutor e director do programa "Come e fala", tamén da Radio Galega.

Son moitos os artistas que repiten coa súa participación altruísta. A gala contará con números de humor, a cargo de Pedro Brandariz e Cada Día, Peor; música, co grupo dezano Barrio Rojo e a actuación do artista Bieito Solo; maxia e danza, da man do Mago Adry e o estudio Balancé; e a xa tradicional participación de Mela Casal, Xavier Picallo e Gloria Ferreiro. Coma novidade, este ano a gala contará coa presenza da actriz Teté Delgado.

Ao peche da gala, improvisados modelos de tódalas tallas e idades tomarán o escenario para protagonizar o Desfile da diversidade.

Documentos relacionados



Compartir: