ALCALDÍA

O alcalde recibiu unha delegación de participantes no programa Comenius

16/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu no salón vermello un grupo de integrantes do programa Comenius, no que participa o IES Xelmírez I. O grupo estaba formado por 60 persoas (20 alumnos e 13 profesores estranxeiros de 6 países europeos, e 21 alumnos e 6 profesores do IES Xelmírez).

O programa educativo europeo Comenius toma o seu nome do apelido dun teólogo, filósofo e pedagogo checo (1592-1670). Considéraselle un dos fundadores da pedagoxía moderna e é coñecido polos seus principios educativos, entre os que destaca o seu concepto do ensino: "Ensinar todo a todos".

Segundo lembrou o alcalde durante a recepción, Comenius defendeu a educación porque soamente grazas a ela o ser humano pode desenvolver todas as súas posibilidades e levar unha vida harmoniosa. Tamén foi un home universal, defensor dos dereitos do home, da paz entre as nacións, a paz social e a unidade da humanidade.

Este programa Comenius ten por obxecto reforzar a dimensión europea no campo da educación infantil, primaria e secundaria, promovendo a mobilidade e a cooperación entre centros educativos.

O Instituto Xelmírez I é o único centro de Galicia que ten dúas iniciativas Comenius: unha chamada O herdo das culturas e tradicións nunha sociedade pluralista (The heritage of cultures and traditions in a pluralistic society) e outra co titulo O edén está preto de nós (The eden is near us). A través destes dous programas realízanse intercambios cos 10 centros que integran os dous programas, pertencentes a Polonia, Romanía, Bulgaria, Turquía, Portugal, Italia, Eslovenia e Grecia, con diferentes idiomas e relixións.

Agustín Hernández recordoulles a mestres e alumnos participantes neste programa que "Santiago de Compostela é un lugar propicio para ver e comprobar o positivo da relación entre persoas e culturas". "O coñecemento entre culturas alimenta a comprensión, o respecto e o agarimo polo dos demais. É o mellor para evitar conflitos e fomentar o entendemento", engadiu.

Emprazou aos integrantes doutros países a "gozar desta cidade, que é Patrimonio da Humanidade, para afondar nas nosas tradicións, na nosa propia lingua galega, que compartimos coa lingua oficial española, e para coñecer a nosa música popular e todo o que nos identifica".

Compartir: