DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O CIAC organiza este mes un obradoiro sobre Sistemas Participativos de Garantía e un roteiro polas Brañas do Sar

16/10/2014 Este mes de outubro, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) organiza un obradoiro sobre Sistemas Participativos de Garantía (SPG) e un roteiro polas Brañas do Sar.

Este sábado 18 de outubro, de 17:00 a 18:30 horas, impartirase no CIAC un Obradoiro sobre Sistemas Participativos de Garantía (SPG), os modelos de certificación ecolóxica alternativos á certificación oficial. Explicarase en que consisten, como se pode formar un e tamén que experiencias se están levando a cabo noutros lugares.

A actividade é de balde pero é preciso inscribirse, a través do teléfono 981 543 145 ou do formulario de inscrición.

O sábado seguinte, 25 de outubro, de 12:00 a 13:30 horas, a actividade prevista é un roteiro interpretativo polas Brañas de Sar. Os participantes poderán descubrir os seus valores naturais, os usos tradicionais que mantén e outros segredos que garda.

O roteiro tamén é de balde, pero con inscrición previa, no teléfono 981 543 145 ou enchendo o formulario.

Exposición sobre biodiversidade
Ademais, en outubro comeza o ciclo de relatorios divulgativos e exposicións Biodiversidade na cidade, que se prolongará ata o mes de febreiro. Dentro deste ciclo, está aberta a exposición Aves de Galicia, cedida polo CEIDA, que estará no CIAC ata o domingo 19 de outubro.

Horario de inverno
No mes de outubro o CIAC volve ao horario de inverno, polo que estará aberto para o público en xeral os fins de semana e días festivos de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. Pola semana, o CIAC ábrese só para as visitas guiadas de grupos de máis de 10 persoas. Pódense concertar chamando ao teléfono 981 543 145.

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

Direcciones relacionadas



Compartir: