ALCALDÍA

O Concello colabora na campaña "Cremos en Santiago" co obxectivo de impulsar o consumo nos comercios da cidade

16/10/2014 SabadellGallego porá en marcha a campaña Cremos en Santiago, para dinamizar durante todo o ano o sector do comercio e o consumo en Santiago de Compostela. O director rexional en Galicia de SabadellGallego, Juan Moríñigo, e outros directivos da entidade reuníronse esta mañá co alcalde de Santiago, Agustín Hernández, a quen presentaron as características desta campaña, da que poderán beneficiarse todos os comercios da cidade.

Os establecementos que se adhiran á promoción poderán ofrecer aos seus clientes participar nun sorteo, cuxo premio será unha tarxeta regalo de 3.000 euros para cambiar nos comercios que formen parte da campaña. O Banco instalará unhas urnas nestes establecementos para que os clientes poidan depositar os boletos de participación no sorteo ao facer as súas compras.

Xerar unha inercia positiva
Outra acción da campaña será a distribución gratuíta, entre los clientes do Banco, de 12.000 bolsas ecolóxicas cun deseño exclusivo de Javier Mariscal, que levarán un slogan que porá en valor o comercio local. Todo isto acompañarase cunha ampla difusión publicitaria.

A intención da campaña é activar o crecemento económico na cidade de Santiago de Compostela e animar á xente a que frecuente os seus comercios para gozar duns servizos de proximidade e de calidade.

Compartir: