CULTURA

Santiago acollerá a II edición de Cuarto Público, unha singular feira de arte contemporánea

16/10/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, asistiu á rolda de prensa de presentación da segunda edición de Cuarto Público, Feira de Arte Contemporánea, que se celebrará no Hotel NH Obradoiro os días 28, 29 e 30 de novembro. Tamén participaron no acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do Hotel, Esteban Iglesias; e as directoras da Feira, Patricia Amil, Paula Cabaleiro e Xulia Santiso.

Cuarto Público é a primeira feira de arte contemporánea de Galicia realizada nun hotel. Nos 28 cuartos da primeira planta do mesmo, o asistente atopará un espazo de venda efémero e poderá apreciar o panorama artístico que nos rodea: pintura, escultura, poesía, performance, fotografía, moda, teatro, música, danza, artistas, galeristas, coleccionistas, comisarios, editoriais, críticos e profesionais da xestión cultural. Os organizadores din que a Feira pretende ser un punto de encontro entre público e creadores, entre produtores e clientes, onde prima a receptividade e a calidade.

Cuarto Público busca nesta segunda edición consolidarse como feira galega, crecendo e ampliando os seus campos de acción. As novidades deste ano 2014 diríxense cara unha participación democrática de artistas, unha plataforma de visibilidade riqueza cultural galega, unha inclusión da cidadanía e unha apertura da arte contemporánea.

Ademais, os Premios Cuarto Público convocan os artistas a presentar proxectos de intervención para seleccionar aqueles de excelencia e calidade que serán patrocinados. A Feira exercerá igualmente de Plataforma, mediando para a venda daqueles artistas que non teñen galería nin axente representante. Tamén haberá un Programa Vivo, que sairá do NH Obradoiro cara a cidade e os espazos públicos, ofrecendo diversas performances.

A concelleira de Cultura, María Antón, amosou na rolda a súa satisfacción por participar neste proxecto que visibiliza de forma directa a arte emerxente, como os que desde o departamento de Cultura se veñen desenvolvendo na Zona C ou a través dos Premios Auditorio de Galicia para novos artistas. Así mesmo, quixo tamén agradecer ás directoras da feira a súa iniciativa e traballo así como ao NH a disposición do hotel como espazo cultural.

Direcciones relacionadas



Compartir: