CULTURA

Últimas funcións de "A Tempestade", de Shakespeare, con Voadora

15/10/2014 A compañía compostelá Voadora está a ofrecer durante este mes de outubro dez funcións de A tempestade, de William Shakespeare, dentro do programa do Bono de Teatro Galego. As dúas últimas funcións son esta semana, o xoves 16 e o venres 17, ás 20:30 horas, no Salón Teatro.

A Tempestade é a guinda máis extravagante á carreira dun xenio na súa senectude, a derradeira obra de Shakespeare e tamén a declaración de intencións dun autor inquedo que prefire enterrarse nas areas brancas dunha praia de fantasía, que nunha realidade que xa soubo definir como ninguén.

A illa de Próspero é a mesma que logo alugarían o Capitán Nemo ou O Doutor Moreau, pero os seus monstros, da man do autor, non poden evitar ter sangue nas veas. Shakespeare é incapaz de privar de emocións ás súas criaturas aínda que se trate de seres de fantasía que se explican a si mesmos nun marco irreal, alucinóxeno, mesmo en parte froito desa pipa de Hachix recentemente atopada entre as pertenzas do demiúrgo.

Voadora propón un billete de ida a esta illa, onde o diálogo de Shakespeare se respecta ao pé da letra, pero para ser recitado sobre un colchón inchable e encarnado a través dun elenco extravagante.

A enerxía está intacta, pero o aroma é diferente; bailaríns, músicos, performers, todos á deriva e na mesma nave dos tolos para celebrar a Shakespeare nunha experiencia sinestésica que encaixa como anel ao dedo no imaxinario da compañía.

Agora que sabemos que era verdade que estamos feitos da mesma materia que os soños, sopra o vento a favor para afondar nesta historia que é tamén o mellor biopic posible sobre o seu autor. Unha auténtica biografía non autorizada e un rockumental de entrevistas a monstros de cores sobre a banda que Shakespeare nunca tivo, pero que deixou a mellor discografía completa xamais publicada.

A Tempestade de Voadora bebe de todas as fontes posibles; o único teito posible é o ceo e a única prohibición é o aburrimento. Esta é a clave dunha obra onde hai lugar para a vinganza e tamén para a rectificación, porque rectificar é de sabios.

Esta obra é o último texto escrito por Shakespeare, a suma da súa arte e de toda a súa experiencia teatral. Trátase dunha tensa obra experimental sobre a exploración do perdón, a familia, o final do traballo, o final da enerxía. A versión de Voadora promete unha posta en escena intensa, moi física e moi plástica que dará como resultado unha marusía de amor penetrante, traizón encarnizada e comedia hilarante.

O prezo das localidades é de 10 euros quedando en 7 € se se adquire a través do Bono de Teatro Galego que, lembramos, ten un custe de 35 euros para escoller 5 obras do catálogo. Ademais, os parados, xubilados, portadores do carné xove e profesionais das artes escénicas poden coller unha entrada por 6 euros. As entradas están á venda no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), no do Salón Teatro (os días de función dúas horas antes do comezo da mesma), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Compartir: