ECONOMÍA

Xornada no Cersia sobre as novas bonificacións á Seguridade Social para empresas por persoal investigador

15/10/2014 A concelleira de Economía, Reyes Leis, inaugurou a xornada técnica Bonificacións á Seguridade Social por persoal investigador: entrada en vigor, impartida por EQA (entidade certificadora acreditada por ENAC) e celebrada no edificio Cersia. Esta sesión estaba dirixida fundamentalmente a centros tecnolóxicos, clusters e PEMES innovadoras.

Esta xornada tiña por obxectivo aclarar as dúbidas respecto á entrada en vigor do Real Decreto 475/2014, en virtude do cal e mesmo con carácter retroactivo, as empresas poderán obter deducións nas súas cotas á Seguridade Social por contar con traballadores dedicados cando menos nun 85% do seu tempo a actividades de I+D+i. Esta dedicación debe ser acreditada por unha entidade certificadora.

Tras a intervención inaugural de Reyes Leis, tomou a palabra José María Peláez, da Subdirección Xeral de Fomento da Innovación Empresarial do Ministerio de Economía e Competitividade, para falar sobre a recuperación das bonificacións na cotización á Seguridade Social do persoal investigador e a compatibilidade coa dedución por actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica para as PEMES innovadoras. O peche da xornada, antes dos rogos e preguntas, correspondeu a Paqui Giménez, directora comercial de EQA, quen explicou o proceso de certificación do persoal investigador.

Compartir: