CONSORCIO

Moi boa acollida á Real Filharmonía de Galicia na súa xira de concertos por León, Pamplona, Santander e Burgos

14/10/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) realizou a semana pasada unha xira que a levou polas cidades de León, Pamplona, Santander e Burgos. A orquestra ofreceu un total de cinco concertos no Auditorio Cidade de León, no Palacio Baluarte de Pamplona (dúas actuacións), no Palacio de Festivais de Cantabria (en Santander) e no Fórum Evolución de Burgos.

Destaca o caso particular de Pamplona. A orquestra actuou no Palacio Baluarte, cuxo auditorio principal ten unha capacidade para 1.568 espectadores. A Real Filharmonía de Galicia logrou reunir un total de 1.900 asistentes, 800 no primeiro concerto e 1.100 o segundo día de actuación.

O Consorcio de Santiago fai un balance "moi positivo" desta xira. "A orquestra estivo sublime e o director tamén, apreciouse a empatía entre os músicos e o mestre, o que deu como resultado concertos extraordinarios". En relación ao público, "tivo unha resposta moi cálida e intensa nos diferentes auditorios nos que actuou a orquestra".

A batuta levouna o mestre londiniense Jonathan Webb. Os concertos comezaron con Cantos dos grans de area, unha obra do compositor italiano Mauro Montalbetti (1969) realizada por encargo da propia RFG, inspirada na figura do peregrino e na natureza e a experiencia do Camiño de Santiago.

A orquestra interpretou ademais o Concerto para piano nº 5 "Emperador", do xenial Beethoven (1770-1827), obra na que os músicos estiveron acompañados polo pianista ruso Sergei Yerokhin. Os concertos concluíron coa Sinfonía nº 4 "Italiana", do compositor alemán Felix Mendelssohn (1809-1847).

Compartir: