PROMOCIÓN ECONÓMICA

Empresarios composteláns e latinoamericanos reuniranse en Santiago para fomentar o investimento de sociedades de capital foráneo

28/08/2006 O Auditorio de Galicia acollerá entre os días 25 e 27 de setembro próximos un encontro no que participarán representantes de sociedades mercantís da cidade e de empresas latinoamericanas. O obxectivo é facilitar o investimento en Santiago de Compostela de empresas de capital foráneo, e en especial as procedentes de países cos que mantemos especiais vínculos de relación a tódolos niveis.

Desde a Concellaría de Promoción Económica preténdese transmitir cara ao exterior a imaxe de Santiago de Compostela como un lugar óptimo para a realización de investimentos, polo seu crecente dinamismo empresarial e pola súa ubicación privilexiada no principal eixe de desenvolvemento da costa atlántica e na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ademais, a importante dotación de solo industrial que se contempla no PXOM do Concello, recentemente aprobado pola corporación municipal, e o potencial investigador da Universidade son tamén elementos decisivos á hora de atraer investimento externo cara á cidade. Asemade, búscase aproveitar o prestixio do que goza a cidade en ámbitos coma o cultural, o institucional, o turístico e o social para acadar tamén a consolidación de Compostela como centro económico e industrial de referencia.

Para esta rolda empresarial está xa confirmada a presenza de máis dunha vintena de sociedades procedentes de oito países latinoamericanos (Arxentina, Chile, Ecuador, Guatemala, México, Paraguai, Uruguai e Venezuela). Trátase de empresas cunha consolidada traxectoria nas súas diferentes áreas de negocio, e cun volume de facturación e de persoal que as converte en referencia nos seus respectivos sectores de actividade.

Os sectores representados nesta rolda empresarial son aqueles con maior presenza no tecido económico de Santiago, coma o madeireiro, o turístico, a construción de vehículos industriais ou a carpintería metálica, é dicir, aqueles que compoñen a base produtiva da cidade. Do mesmo xeito, deuse prioridade tamén á participación daquelas actividades recollidas no plan estratéxico da cidade como áreas de potencial desenvolvemento, como a biomédica ou as de novas tecnoloxías.

Foro de debate internacional

s xornadas inclúen múltiples actividades, desde relatorios ata sesións de traballo, pasando por visitas aos diferentes polígonos industriais da cidade e ao Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da Universidade de Santiago (CITT). Especial relevancia terán os encontros bilaterais previstos entre empresarios latinoamericanos e composteláns, organizados en función das súas respectivas áreas de negocio, co fin de acadar compromisos reais de traballo en común.

Ademais da Concellaría de Promoción Económica, colaboran na organización e no desenvolvemento desta rolda empresarial outras entidades, como a Consellería de Industria e Innovación, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e o Sistema Económico Latinoamericano (SELA), un organismo intergobernamental creado para concertar posicións e estratexias comúns en materia económica entre os países desta área do planeta. Trátase da primeira vez que esta entidade participa nun encontro destas características en toda Europa.

Coa organización destes encontros, preténdese establecer un punto de partida para articular redes de contacto e promoción comercial estables entre as empresas de ámbolos lados do Atlántico; o obxectivo final é seguir ampliando e sistematizando as accións ao servizo desta liña de traballo conxunto, o que sen dúbida redundará en beneficio do tecido produtivo local.

A Concellaría de Promoción Económica mantén aberto o prazo de inscrición para que aquelas empresas da cidade que queiran participar no encontro se poñan en contacto con este departamento do Concello.

Compartir: