ALCALDÍA

O alcalde fai un chamamento á unidade das forzas económicas e sociais da cidade na defensa das infraestruturas pendentes

13/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou na reunión do Foro Cívico Empresarial, celebrada na sede da Cámara de Comercio. Tivo a oportunidade así de detallarlle aos presentes o actual estado das diversas infraestruturas pendentes na cidade e fixo un chamamento á unidade e á responsabilidade das forzas económicas, políticas, sociais, académicas e profesionais da cidade na defensa, dende unha perspectiva realista, das infraestruturas pendentes da cidade.

"Santiago vive un momento crucial para o desenvolvemento das súas infraestruturas, co obras claves para a cidade, necesarias para que Santiago poida seguir medrando e nas que resulta decisivo, como noutro tempo, o concurso e a participación doutras Administracións e tamén un sentimento de unidade e de responsabilidade arredor duns proxectos que forman parte do proxecto de futuro da cidade", indicou o alcalde.

Lembrou que "son moitas as infraestruturas que van adquirir a partir do vindeiro ano un novo impulso en Santiago de Compostela, que lle darán solución á práctica totalidade das necesidades que dende hai anos se viñan mantendo no termo municipal". Así, comezou falando da ampliación do tramo libre de peaxe da autoestrada do Atlántico, de tres carrís en dirección Pontevedra e catro carrís en dirección á Coruña, coa incorporación de 3 quilómetros gratuítos máis. "Isto non só vai facilitar o tránsito entre os accesos norte e sur da cidade, senón que vai mellorar o acceso cara ao novo enlace a distinto nivel que Fomento vai construír coa autovía a Lavacolla e coa área empresarial da Sionlla", explicou.

O investimento previsto para esta ampliación da AP-9 no contorno de Santiago é duns 90 millóns de euros. O prazo previsto para as obras é de 30 meses dende a formalización do contrato, polo que as obras deberín entrar en servizo a mediados do ano 2017, indicou o rexedor municipal.

Agustín Hernández lembrou que serán os centros de actividade empresarial os máis beneficiados deste impulso, como tamén da ampliación a catro carrís da ponte de acceso ao polígono do Tambre sobre a estrada N-550, e coa licitación e posterior execución da variante de Aradas cara Santa Comba e Carballo. As melloras viarias completaranse co paso subterráneao de Conxo, cunhas obras que se iniciarán de inmediato, e co enlacen dende a AP-9 á Cidade da Cultura.

EDAR
No terreo das infraestruturas hidráulicas, o alcalde destacou dúas obras que van supoñer un "radical cambio na calidade ambiental do concello: a mellora da actual EDAR da Silvouta, que no período dun ano vai mellorar o tratamento das augas residuais que dende hai anos van parar ao río Sar e, por outra parte, a nova EDAR do Souto que avanza na súa tramitación por parte do Ministerio de Medio Ambiente para proceder á súa licitación. Para ambas obras están consignados xa nos orzamentos do Estado do ano que vén algo máis de 59 millóns de euros".

Aeroporto
En materia aeroportuaria, Agustín Hernández destacou o labor que o Concello está a facer na promoción exterior da cidade, labor que está a dar os seus froitos, cun aeroporto de Lavacolla que neste 2014, dixo, "logrou a maior conectividade internacional da súa historia, con 13 conexións directas, movendo un total de 310.000 pasaxeiros internacionais, un 32% máis que no mesmo período do ano anterior. Este crecemento apunta a que se poden acadar os 400.000 pasaxeiros neste ano nas conexións internacionais, superando o récord histórico acadado no pasado 2013 (350.579)".

"O aeroporto de Santiago segue a ser o aeroporto de referencia de Galicia", afirmou, explicando que o aeródromo compostelán foi tamén o que mellor aguantou a crise económica. Lembrou que, ata setembro, "suma 1.608.301 pasaxeiros, cunha cota de mercado en Galicia do 55,89%". A previsión é que no conxunto do ano teña unhas cifras similares ás do ano pasado.

Para o 2015, marcouse dous obxectivos: comezar un novo período de crecemento e continuar coa mellora da conectividade internacional do aeroporto de Santiago.

Tamén en relación ao aeroporto, o rexedor municipal referiuse a mellora da súa intermodalidade que supuxo a posta en marcha do servizo de autobuses permanente. Do éxito desta iniciativa dá conta que, entre xaneiro e setembro de 2014 (ambos inclusive) a liña de autobús do aeroporto de Lavacolla tivo un total de 173. 675 viaxeiros (con orixe e con destino aeroporto), o que supón preto dun 11% dos pasaxeiros totais contabilizados no aeroporto nese período (1.604.552).

Agustín Hernández insistiu na vontade municipal de apostar pola coordinación aeroportuaria, cunha política que "non vai ser a de enfrontamento e de competencia coas outras dúas terminais. Santiago vai defender o importante papel da súa terminal como infraestrutura central, pero sen perder de vista a necesidade de manter unha acción conxunta e integrada entre as tres terminais", dixo.

Estación intermodal
O alcalde tamén se referiu á intermodalidade, salientando a necesidade de "contar cunha nova estación que lle dea unha completa resposta ás demandas de mobilidade e amplíe a capacidade das actuais instalacións; unha estación intermodal que sexa operativa e funcional, concibida dende un proxecto realista e factible, que sexa quen de asumir a demanda actual e futura. Un proxecto que se poida nacer canto antes e que poida medrar conforme ás necesidades".

Neste tema, o alcalde destacou especialmente a importancia da unidade e dunha postura común. "É preciso procurar sempre posturas comúns, dende o pragmatismo e dende a realidade, traballar por unificar criterios e fixar unha postura asumible por todos que deixe a un lado os maximalismos e tenda a un punto de equilibrio que faga posible continuar avanzando".

Por isto, Agustín Hernandez afirmou apostar por "deseñar, dende o realismo, unha actuación que permita implantar a intermodalidade". Con este fin, engadiu, "estanse a manter os contactos necesarios para abordar un proxecto realista e posible, planificando o conxunto da actuación, no que se debe incluír o traslado da estación de autobuses, e afrontar a súa construción por fases, garantindo a plena operatividade das instalacións, un servizo axeitado para o tránsito actual e previsto de pasaxeiros e unha imaxe acorde coa condición de capitalidade e destino principal do turismo que se xera na Comunidade Autónoma".

Recordou que o Goberno municipal está a pechar con Fomento unha planificación concreta e realista para que a estación estea adaptada á chegada do AVE en 2018. "Estamos a superar a fase de maqueta, e a falar de investimentos concretos, máis de 8,2 millóns de euros", dixo.

Compartir: