ALCALDÍA

Agustín Hernández demanda unha maior oferta de alimentos accesible para os celíacos

11/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, clausurou no Auditorio de Galicia a Xornada de portas abertas sobre "A enfermidade celíaca e o etiquetado dos produtos sen glute".

Agustín Hernández felicitou á Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) pola organización desta Xornada, que "trata de concienciarnos a todos da necesidade de pensar nun importante segmento da poboación que, cada paso, se vai ampliando a medida que se estende tamén a información e as forman de tratamento e prevención deste enfermidade". Así, lembrou as moitas persoas que "padecen as consecuencias dunha enfermidade que ata hai pouco tempo era incómoda non só para quen a padecía, senón tamén para o conxunto da sociedade".

Indicou que, cada día, é "máis normal atopar produtos específicos, adaptados para o consumo nunha ampla gama de alimentos", pero que "queda aínda moito por facer e en moitos ámbitos, sobre todo á hora de atopar unha oferta de alimentos accesible, que non impoña un dobre sacrificio –físico e económico- para quen sofre esta doenza, posto que se estima que a merca de produtos sen glute pode chegar a encarecer a compra máis de 1.500 euros/ano".

O alcalde lembrou que unhas 500.000 persoas padecen esta enfermidade crónica intestinal en España, das que a penas un 10% está diagnosticado. En Galicia ten tamén unha incidencia notable, da que da conta os máis de 2.000 asociados de ACEGA, unha quinta parte dos cales son da comarca de Santiago.

O Concello colabora con ACEGA coa cesión dun lugar onde poder desenvolver a súa actividade, e participando en distintas iniciativas de divulgación como as levadas a cabo entre os escolares e os monitores que os atenden nos centros educativos, a edición de folletos, a proposta de tapas para celíacos no concurso Santiago(é)Tapas ou unha campaña nos medios de comunicación. "Todo isto co obxectivo de dar a coñecer este trastorno alimentario e lograr medidas de apoio, de tratamento, e unha oferta de dietas axeitada, tanto nos comedores de centros sanitarios e en xeral públicos, como nos establecementos de hostalería privados", apuntou Agustín Hernández.

Compartir: