ALCALDÍA

A Deputación inviste 42.000 euros na promoción e dinamización de Santiago

11/10/2014 A Deputación volve apoiar a promoción e dinamización da cidade de Santiago de Compostela a través dun acordo coa Asociación de Empresarios e Profesionais Compostela Monumental por valor de preto de 42.000 euros.

A agrupación recibe 41.250 euros dos fondos provinciais para realizar varias campañas de dinamización comercial como a celebración do VIII Congreso de Comercio. Inclúense accións de promoción na rúa, de fidelización de clientes e de sinalización comercial.

O convenio firmouse no salón vermello do Pazo de Raxoi, nun acto ao que asistiron, ademais do alcalde, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; e o portavoz de Compostela Monumental, José Manuel Bello Rey, que agradeceu a axuda da institución provincial. A achega representa o 72,37% do custo total de 57.000 euros.

Agustín Hernández agradeceu o compromiso da Deputación coa cidade, en especial no que se refire a campañas de promoción.

Cultura e Turismo
Este investimento súmase aos 327.000 euros que a Deputación xa facilitou ao longo dos últimos meses á capital galega para distintos proxectos. Un deles serviu para apoiar unha campaña online para a promoción de Compostela en Europa con 100.000 euros. A Deputación asumiu o 76,92% do orzamento total, que ascendeu a 130.000 euros.

A institución provincial tamén financiou o 80% do custo do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, un total de 112.000 euros, que se celebrou ao longo deste mes e que incluíu non só un concurso de curtas, senón programas temáticos e demais actividades complementarias como o Mercado Internacional de Curtametraxes, un encontro dos centros audiovisuais de Galicia, actividades educativas, charlas, cafés-coloquio e mesas redondas.

Por outra banda, a Deputación renovou un ano máis a súa colaboración co Plan de Competitividade Turística a través de 115.000 euros, o 80% do orzamento total. Con esta achega fináncianse feiras de turismo, presentacións e workshops, eventos gastronómicos... Tamén se inclúe neste acordo o financiamento da web coa recollida e edición de contidos, análise e tratamento de datos.

Dinamización da economía local
Tras a sinatura do convenio, Diego Calvo salientou a importancia de apoiar a Santiago de Compostela para que "manteña e mellore a súa proxección internacional". Así, "dende a Deputación apostamos por accións de promoción que non só dean a coñecer as nosas virtudes no exterior, senón que dinamicen a economía local".

Compartir: