CULTURA

Presentación e estrea absoluta de Pablo Seoane Trem nas Xornadas de Música Contemporánea

10/10/2014 As Xornadas de Música Contemporánea ofrecen tres propostas moi interesantes para esta fin de semana. A música contemporánea, o jazz e a improvisación libre danse a man en estrea do novo proxecto do pianista ferrolán Pablo Seoane, que presenta o seu novo Pablo Seoane Trem e un programa de improvisación inspirado en Francisco de Asís, de cuxa peregrinación a Compostela se conmemora este ano o oitavo centenario. Será o domingo, ás 20:00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Para a fin de semana están tamén previstas as dúas primeiras propostas de AdesTempo, o programa didáctico, infantil, xuvenil e familiar das Xornadas. O sábado teremos a interesante estrea de George's Odissey, unha creación videográfica de Ana de Alvear para a que once compositores escribiron outras tantas pezas orixinais que interpretan en directo o Trío Arbós. Trátase dunha estrea absoluta, encarga do CNDM que poderemos ver ás 18:30 horas no CGAC. E o domingo, ás 12:30 horas, na Cidade da Cultura, o quinteto de vento Zoar Ensemble e o pianista Nicasio Gradaille, utilizando como vehículo a música de György Ligeti, mostrarán dunha forma amena os piares básicos da composición contemporánea.

Pablo Seoane Trem trae Festas do erro. Visións e improvisacións sobre Francisco de Asís, un espectáculo musical onde corda e madeira –un violín, un piano e un contrabaixo– exploran, ao fío da vida ou as vidas desta figura proverbialmente anómala, os seus timbres máis desusados nunha trama de improvisacións baseada en nove composicións orixinais de Pablo Seoane.

Nunha excursión polas imaxes e os ecos dun viaxeiro entre o son e o sentido, entre o humano e a marca incerta do seu límite, Francesco d'Assisi inspira o primeiro traballo e presentación do novo proxecto do pianista, compositor e músico de jazz ferrolán Pablo Seoane.

AdesTempo
AdesTempo, a programación didáctica, infantil, xuvenil e familiar das Xornadas de Música Contemporánea ofrece a proposta George’s Odyssey, unha creación videográfica de Ana de Alvear. Coa Odisea de Xurxo, a artista creou unha proposta interdisciplinar e educativa cuxo obxectivo é o de introducir a nenos e adultos na creación contemporánea, axudándolles a descubrir a capacidade que ten a música para xerar diferentes escenarios, sensacións e emocións.

O Trío Arbós será o vehículo que conduza a Xurxo a través dos once episodios con música creada especificamente para a ocasión por once compositores, completando un periplo de singulares características. Espectáculo recomendado a partir dos 8 anos.

Zoar Ensemble e Nicasio Gradaille
O quinteto de vento Zoar Ensemble o pianista Nicasio Gradaille levan á Cidade da Cultura o concerto titulado Portrait György Ligeti, unha aproximación (pedagóxica) á música contemporánea.

A música do compositor húngaro György Ligeti, de aparente complexidade, baséase en piares moi sinxelos e familiares tanto para amantes da música como para descoñecedores. Algo tan primitivo como o ritmo, a repetición, a música popular ou unhas matemáticas moi sinxelas aparecen na súa música. Ademais coñeceremos como Ligeti descubriu e xogou coa música electrónica para crear paisaxes case extraterrestres. Con todos estes conceptos xogarase neste concerto en familia.

Compartir: