XUNTA DE GOBERNO

Convenio entre Concello e Xunta por 250.000 euros para proxectos de dinamización cultural

10/10/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, deu conta a aprobación pola Xunta de Goberno dun convenio entre o Concello e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para proxectos de dinamización cultural. Este acordo, polo que o Departamento autonómico achega 250.000 euros, inscríbese na realización de proxectos de dinamización e intervención artística na cidade, ao longo deste ano 2014, no que se celebra o 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Atendendo á consideración de acontecemento de especial interese público, acórdase colaborar para a realización dunha programación cultural especial con este motivo, que inclúe actividades culturais, sociais, artísticas, didácticas e de investigación. Así, tal como enumerou o alcalde, as actividades ás que alude o convenio son o Festival de Músicas Contemplativas, o Festival Vía Stellae, o Ciclo de Lied e intervencións artísticas e plásticas en prazas e rúas do casco vello da cidade.

Estas actividades serán xestionadas e executadas polo Auditorio de Galicia, órgano municipal que asina o convenio.

Bolsas de comedor
Outro dos asuntos tratados pola Xunta de Goberno foi a resolución definitiva da convocatoria de bolsas de comedor escolar para centros públicos e privados concertados de educación primaria obrigatoria para este curso 2014-2015. Procedeuse a un reaxuste nas partidas anuais, que quedan distribuídas do seguinte xeito: 33.213 euros para 2014 e 53.584 para 2015, o que totaliza 86.797 euros.

Estas modificacións, segundo indicou Agustín Hernández, "veñen provocadas polo gran número de centros e as distintas formas de pagamento contempladas e tendo en conta as contías das bolsas asistenciais, que obrigan a dotar a partida de máis orzamento para o ano 2015".

A resolución definitiva contempla a concesión de 148 bolsas, das que 30 son bolsas de conciliación –que é o número máximo previsto nesta convocatoria- e 118 son bolsas de tipo asistencial. Tamén se aprobou unha lista de espera, tendo en conta que durante o ano acostuman a producirse baixas que son cubertas polas persoas que integran esta lista.

Ampliación de prazo
En materia de deportes, a Xunta de Goberno acordou a ampliación ata o 1 de novembro o prazo de resolución das subvencións ao deporte federado. De forma paralela, e para facilitar a xustificación das subvencións que se poidan conceder, amplíase tamén en 11 días o prazo inicialmente fixado para a presentación dos documentos xustificativos de clubs e entidades, establecéndose como nova data límite o 21 de novembro (antes era o 10 de novembro).

Documentos relacionados



Compartir: