ALCALDÍA

O alcalde demanda solucións e respostas exemplares e perceptibles fronte a crise de confianza do sector financeiro

10/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, interveu no acto inaugural do IV Encontro EFPA de Asesores Financeiros. No acto, celebrado no Palacio de Congresos, participaron tamén o secretario de Estado de Facenda, Miguel Ferré, e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz.

Tras dar a benvida a Santiago a todos os participantes e valorar a cualificación e categoría dos relatores, Agustín Hernández referiuse á importancia que, cada vez máis, vai adquirindo a información e o asesoramento na vida diaria. Hoxe, apuntou, "xa non se concibe que sexa una parcela reservada a persoas dun certo nivel ou perfil económico".

Referiuse Agustín Hernández a experiencias negativas de plena actualidade e apuntou á necesidade, a nivel individual dun "asesoramento cualificado, con actitudes éticas que sitúen en primeiro lugar os intereses dos clientes". A nivel colectivo, demandou que, "dende os organismos públicos, se extremen os mecanismos de control e as cautelas sobre a delicada misión do asesoramento financeiro".

"O sector financeiro –como en certa medida o sector público- atravesa unha crise de confianza que require de solucións e respostas exemplares e claramente perceptibles, combinando medidas normativas, códigos de conducta e transparencia á hora de fortalecer o sistema e as institucións que o conforman", defendeu o alcalde, xa que, esas crises de confianza, a nivel colectivo, "supoñen unha ameaza para o futuro do sistema".

Agustín Hernández rematou a súa intervención expresando o seu desexo de que IV Encontro EFPA de Asesores Financeiros "sirva para afondar no coñecemento, na formación e, en definitiva, nunha mellor cualificación e regulación do sector". Neste sentido, aludiu ao papel do asesor financeiro para "administrar e xestionar dende a confianza", coa "plena convicción de que con iso se fortalece a economía, o desenvolvemento e a calidade de vida das persoas, pero tamén e, sobre todo, da sociedade".

Compartir: