ALCALDÍA

Reyes Leis valora a posta en marcha do I Premio Emprende-Innova como canle de impulso para o emprendemento

09/10/2014 O Club Financeiro de Santiago (CFS) deu a coñecer o proxecto gañador do I Premio Emprende-Innova, organizado en colaboración coa Asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña (AJE). O galardón foi para Twin Shoes Spain, un portal web especializado na busca de parella. A concelleira de Economía, Reyes Leis, presidiu o acto, celebrado na sede do Club no edificio Quercus.

A concelleira felicitou a gañadora do I Premio Emprende-Innova e desexoulle que o seu proxecto "se afiance e se converta nunha experiencia con futuro e que sexa plenamente satisfactoria e rendible". Estendeu tamén os seus parabéns a todo os que participaron na convocatoria.

Valorou igualmente a posta en marcha deste novo galardón, que "ofrece unha canle de impulso para o emprendemento e unha oportunidade para dar a coñecer iniciativas viables, innovadoras, xeradoras de emprego e con posibilidades de abrir mercados no exterior". A edil indicou que o I Premio Emprende-Innova apunta na dirección de "revitalizar o papel do emprendedor na sociedade, animar o traballo para a creación empresarial e promover e divulgar a innovación orientada ao desenvolvemento do mundo empresarial".

O Premio, dixo, "é unha achega importante, que vén a complementar outras accións e medidas que se están a desenvolver na esfera pública para dinamizar e fortalecer o tecido empresarial, como fonte de emprego e xerador de riqueza", engadiu Reyes Leis.

Lembrou que o Concello tamén trata de "promover accións nesa dirección, tanto á hora de fomentar infraestruturas de todo tipo, como á hora de establecer medidas de apoio para animar a posta en marcha de novos proxectos ou modernizar actividades xa consolidadas". Así, durante o ano 2013 financiáronse actividades de soporte e apoio empresarial por un montante próximo aos 300.000 euros e, a través da cooperación e da coordinación con outras administracións, lográronse canalizar nos últimos tempos novas superficies empresariais como as de Costa Vella e da Sionlla, explicou, citando tamén as novas infraestruturas previstas para estas áreas nos vindeiros meses.

Viabilidade, innovación, emprego e internacionalización
O xurado valorou especialmente a viabilidade empresarial, a innovación, a xeración de emprego e a internacionalización dos proxectos presentados. Este galardón, que terá carácter anual, pretende consolidarse como un referente por recoñecer o emprendemento e as cualidades de persoas novas que conforman o tecido empresarial galego.

O principal obxectivo deste premio é converter en realidades empresariais as ideas de negocio gañadoras, contribuíndo así a aumentar a riqueza económica de Galicia. Ademais, o vencedor recibiu un obsequio de valor da firma Montblanc, patrocinadora desta edición.

A convocatoria dirixiuse a empresarios novos da provincia da Coruña, menores de 35 años de idade, que desenvolveran algún proxecto de negocio que destaque pola súa innovación.

Compartir: