DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello iniciou xa o plan de mantemento ordinario dos centros educativos, ao que destina 400.000 euros

09/10/2014 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, deu conta da posta en marcha hai tres semanas do plan de mantemento ordinario dos centros educativos do municipio, ao que o Concello destina un total de 400.000 euros para o que queda de exercicio 2014 e 2015. No marco deste programa, anunciou o próximo inicio da obra de reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento.

O Concello aprobará mañá o proxecto desta obra da gardería de Tras Parlamento, por un importe de 60.144 euros. A previsión é que esta obra se poida comezar tan pronto o clima o permita, para así resolver os problemas de infiltración de auga á escola. O prazo de execución desta obra é de dous meses.

Segundo explicou Teresa Gutiérrez, "vaise renovar a cuberta vexetal, que é a que maiores filtracións ten, debido na súa meirande parte á imposibilidade de limpeza dos sistemas de sumidoiro e drenaxe, ao non ter deixado rexistros neles". Os novos sumidoiros, engadiu, disporán dun acceso para limpeza e mantemento.

Para a reparación da cuberta de baldosa procederase á limpeza da superficie, para logo impermeabilizar directamente sobre a baldosa existente. Non está previsto que as obras afecten ao normal funcionamento do centro.

Actuacións en 11 colexios
Esta obra na Escola Infantil de Tras Parlamento estará incluída no plan de mantemento ordinario dos colexios, xa en marcha dende hai tres semanas. Así, despois das obras de emerxencia xa realizadas durante o verán, o Concello segue traballando na conservación dos centros educativos mediante este programa, dotado con 400.000 euros (2014 e 2015).

Ata o momento realizáronse pequenas actuacións en 11 colexios: Laraño, Bispo Teodomiro (Marrozos), Raíña Fabiola, Lamas de Abade, Quiroga Palacios, Roxos, Pío XII, Apóstolo Santiago, Fontiñas, Vite I e Monte dos Postes. Tamén se traballou nas escolas infantís de Tras Parlamento, San Roque, Salgueiriños, Fontiñas e Conxo.

Lembrou a concelleira que este plan complementa o plan de obras de emerxencia executado no verán para ter os colexios listos para o inicio do curso, que supuxo un investimento de máis de 300.000 euros. Grazas a este programa interveuse en 24 equipamentos educativos: 13 colexios de educación infantil e primaria, a Escola Municipal de Música e o Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela.

A estas pequenas obras sumáronse outras actuacións necesarias para o inicio do curso escolar, como desratización e desinsetación, mantemento de zonas verdes, revisión e mantemento eléctrico e limpeza en xeral.

A propósito doutro equipamento educativo, a Escola Infantil do Tambre, Teresa Gutiérrez indicou que se está redactando o proxecto para a mellora da climatización e deseño de solucións construtivas que minoren a radiación solar nas fachadas do edificio.

Compartir: