CONSORCIO

Santiago é unha das tres cidades europeas elixida como caso de estudo no marco dun programa sobre sostibilidade

08/10/2014 O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo Fasudir, centrado na eficiencia enerxética dos edificios e barrios das cidades. No marco desta iniciativa, a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio Idoia Camiruaga asiste esta semana a varias reunións de traballo en Munich. O investimento total de Santiago neste programa é de 116.235,80 euros, dos que 71.404,80 euros son achegados pola Unión Europea.

Este proxecto, que comezou en setembro de 2013 e concluirá a finais de agosto de 2016, está integrado por 11 socios procedentes de cinco países diferentes: España, Italia, Gran Bretaña, Hungría e Alemaña. Entre os tres socios que participan por parte de España está o Consorcio de Santiago.

O obxectivo principal do programa é crear unha ferramenta que facilite a toma de decisións á hora de seleccionar a mellor estratexia de reconversión de enerxía, de cara a aumentar a sostibilidade de todo un barrio ou distrito urbano. Refírese tanto á intervención nos edificios como nos espazos públicos. Nesta liña, abórdanse aspectos relativos ao consumo de gas, electricidade e auga; para o que se están a comparar diferentes tipos de tecido urbano, de edificación ou de superficie das vivendas. Tamén se ten en conta o espazo público e as zonas verdes públicas e privadas; neste caso analízanse variables como a enerxía aportada pola exposición ao sol ou o clima propio de cada lugar.

Esta ferramenta baséase na experiencia desenvolvida en todo o ámbito da Unión Europea e terá dous elementos fundamentais. Por un lado, unha árbore de decisións que permita achegarse ás políticas de rehabilitación enerxética máis axeitadas a cada contorno urbano. E, polo outro, un software que empregará unha serie de variables seleccionadas na realización dos estudos prácticos.

O proxecto baséase na aplicación desta ferramenta en tres casos de estudo concretos que permitirán contrastar e validar o programa. Seleccionouse a cidade de Santiago de Compostela, xunto con barrios de Munich e Budapest, de características moi diferentes ao tecido histórico compostelán.

Consumo enerxético nos tecidos da cidade histórica
Tal como explica a arquitecta Idoia Camiruaga, o Consorcio de Santiago pode aportar a esta iniciativa a súa ampla experiencia neste ámbito. "Dende o punto de vista do comportamento enerxético, compararemos os tecidos de distintos tipos -históricos e recentes- no seu conxunto, tendo en conta tanto cos usos como os edificios na súa globalidade e tamén os espazos públicos. A finalidade é establecer parámetros que permitan programar políticas de aforro enerxético para a escala de barrio ou distrito. A cidade histórica é moi rica, polo que analizaremos as diferenzas existentes entre os distintos usos e conformacións urbanas a esa escala", sinala a arquitecta.

No caso dos espazos públicos e os xardíns, os técnicos do Consorcio de
Santiago estudarán a eficiencia enerxética dos distintos tipos de tecido, xunto cos outros casos europeos. Así, seleccionarase unha zona que conteña distintas tipoloxías, como é o barrio de San Pedro-A Trisca. A zona final definirase en función das necesidades e conclusións obtidas xunto con todos os socios do programa.

Compartir: