TURISMO

Santiago promociónase na feira de turismo cultural máis importante de Italia

08/10/2014 Turismo de Santiago promocionará a cidade na TTG Incontri, a feira de turismo cultural máis importante de Italia, que terá lugar en Rimini entre o 9 e o 11 de outubro. A feira é o maior foro de contratación do sector turístico italiano, xa que nela participan a maior parte dos operadores turísticos do país, ademais dunha ampla representación de profesionais dos países do Mediterráneo, Estados Unidos e Brasil. No ano 2013 tivo máis de 52.000 visitantes.

Turismo de Santiago estará presente no stand de Turespaña e terá a oportunidade de facer unha presentación aos profesionais italianos interesados no mercado español, especialmente aos vinculado coa cultura, o patrimonio e a gastronomía. Ademais, Turismo de Santiago reunirase cos principais turoperadores italianos que traballan co mercado español.

O mercado italiano é un mercado prioritario para Turismo de Santiago, xa que é o mercado internacional que máis pernoctacións xera na cidade. No ano 2013, sumou en Santiago 57.372 pernoctacións, un 3,6% máis que no 2012 e un 13,8% máis que no 2011, cando houbo 50.398.

A previsión é que as pernoctacións de turistas italianos continúen aumentando neste ano 2014, grazas principalmente a dous motivos. Por unha banda, a que que nesta temporada de verán o aeroporto de Santiago contou con dúas conexións directas con Italia, Milán e Roma, que ata agosto suman xa 30.000 pasaxeiros. Por outra banda, á celebración do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís, unha figura con grande influencia en Italia.

Esta previsión vese apoiada tamén polo incremento de peregrinos italianos que se está a vivir neste ano, no que por primeira vez roldará os 20.000, situándose como o país con máis peregrinos por detrás de España e por riba de Alemaña. Entre o 1 de xaneiro e o 7 de setembro chegaron 19.175 peregrinos de Italia, case 4.000 máis que en todo o 2013.

Documentos relacionados



Compartir: