ALCALDÍA

O alcalde anuncia melloras na accesibilidade das vivendas do barrio de Vite grazas á súa inminente declaración como ARI

08/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a próxima declaración de Vite como Área de Rehabilitación Integral (ARI), co fin de iniciar as actuacións de mellora da accesibilidade neste barrio en 2015 e 2016. Así o indicou tras asinar co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, a cesión ao Concello de forma gratuíta de tres parcelas para uso social e docente na zona das Cancelas-Mallou. Na reunión tamén falaron das actuacións pendentes dos ARI xa declarados –Casco Histórico, Pontepedriña e Vista Alegre-, co fin de executalas no marco do Plan de Vivenda 2013-2016, asinado recentemente pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.

Segundo apuntou Agustín Hernández, "é previsible que o Ministerio publique a orde de aplicación do Plan de Vivenda antes de que remate este ano, e de igual xeito a Xunta de Galicia. A partir de aí, indicou, "primeiro pecharemos as actuacións pendentes de desenvolvemento dos plans de vivenda anteriores dos tres ARI en marcha". Cifrou en 400 actuacións as pendentes de executar dun total de 1.396.

O alcalde tamén deu conta o director do IGVS dos traballos previos que está a realizar a Concellería de Desenvolvemento Urbano Sostible para sumar unha nova declaración de ARI, neste caso para o barrio de Vite. A previsión é rematar estes traballos anteriores á declaración no que resta de 2014, co obxectivo de incluír as actuacións no novo Plan de Vivenda e podelas executar ao longo de 2015 e 2016, apuntou.

Ao igual que nas ARI en marcha, asegurou que as actuacións en Vite centraranse na mellora da accesibilidade e, polo tanto, na instalación de ascensores. Estanse analizando as alternativas para a "mellor viabilidade" das actuacións, xa que lembrou que se trata dun importante número de vivendas. Neste sentido, apuntou como unha das posibilidades que dous bloques poidan compartir elevador.

Cesión de parcelas
A Xunta de Galicia vén de cederlle ao Concello de Santiago, de maneira gratuíta, tres parcelas para uso social e docente na zona das Cancelas-Mallou. O director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, e o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi o acordo de cambio de titularidade.

As parcelas cedidas, que totalizan 5.298 metros cadrados, emprázanse nunha zona de solo urbano non programado, no chamado SUP-3 (As Cancelas-Mallou). Trátase dunha parcela para equipamento docente de 5.018 metros cadrados e dúas máis para equipamento social, de 140 metros cadrados cada unha delas.

O SUNP-3 das Cancelas-Mallou foi urbanizado, despois de adquirir os terreos correspondentes, polo Instituto Galego da Vivenda e Solo con destino á construción de vivendas protexidas, tanto de promoción privada como de promoción pública.

Actualmente, no solo desenvolvido polo IGVS existen preto de 240 vivendas protexidas, das que 21 son de promoción pública, construídas polo propio IGVS. O resto son vivendas protexidas construídas por unha cooperativa e promotores privados.

Compartir: