CULTURA

Un gran cabaré pecha a terceira edición do Festival d’Gorra

26/08/2006 Despois de dúas semanas de intensa actividade nas prazas do casco antigo compostelán, chega ao seu fin unha nova edición do Festival d’Gorra. Centos de cidadáns e visitantes participaron nos diversos espectáculos, que encheron de malabares, humor e moita participación catorce tardes do mes de agosto.

A última xornada do festival contará con dúas novas actuacións de Chipolatas. A formación inglesa levará a festa á rúa co seu espectáculo "The three style", no que non faltan a música en directo, os malabares e o clown. Os seus pases serán ás 17:30 horas na Quintana e ás 20:30 horas en Praterías.

As outras dúas actuacións do día corresponderá a Capuzzi e a Casi que si. O primeiro estará en Praterías ás 18:00 horas, co seu espectáculo "Disco Delivery, pragado de malabares e humor. Os segundos representan "De volta ao cole", unha investigación de novos elementos circenses, humor visual, xestual, acrobático e estúpido. Dous adultos baixiños no seu primeiro día de clase.

E como fin de festa, un gran cabaré final, do que se encargará o colectivo PistaCatro. Artistas galegos das máis variadas disciplinas reunidos na rúa en torno ao circo e ao cabaré. A diversión está asegurada para pechar o Festiva d’Gorra.

Documentos relacionados



Compartir: