CONSORCIO

Turismo de Santiago acompaña a Real Filharmonía nunha xira de cinco concertos por León, Pamplona, Santander e Burgos

07/10/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) inicia este mércores unha xira que a levará ao Auditorio de León (8), ao Palacio Baluarte de Pamplona (9 e 10), ao Palacio de Festivais de Santander (11) e ao Fórum Evolución de Burgos (12 de outubro). Turismo de Santiago acompañará a orquestra nesta xira para promocionar Santiago no mercado doméstico.

É a primeira vez que se produce esta colaboración entre a empresa municipal e a orquestra do Consorcio, que permitirá que Turismo de Santiago conte cun stand propio nos diferentes auditorios nos que tocará a Real Filharmonía nesta xira española. O stand contará con persoal de Turismo de Santiago, que fará promoción directa da cidade aos asistentes aos concertos e darán información tamén a todos os interesados en Santiago e o Camiño de Santiago.

Dende Turismo de Santiago considérase que se trata dunha colaboración interesante para o sector turístico por tres motivos: porque a colaboración entre Turismo de Santiago e a orquestra permite empregar os recursos da empresa municipal dun xeito máis eficiente; porque a presenza da Filharmonia nas diferentes localidades xa esperta o interese sobre a cidade, de tal xeito que o stand promocional sirve para potenciar ese interese, dando información concreta que pode motivar a viaxe a Santiago; e porque a xira permitirá fomentar a turismo de proximidade en temporada baixa en cidades vinculadas ao Camiño de Santiago nun contexto no que o mercado doméstico está xa recuperándose logo de varios anos de baixada e estancamento.

A batuta levaraa o mestre londinense Jonathan Webb, que foi director do Teatro da Ópera de Tel Aviv e ten dirixido orquestras de diferentes países como Italia, Portugal, España, Austria, Irlanda, Francia, Alemaña ou Israel.

Os concertos comezarán con Cantos dos grans de area, unha obra do compositor italiano Mauro Montalbetti (1969) realizada por encargo da propia RFG. Estreada por primeira vez o pasado venres en Santiago de Compostela, está inspirada na figura do peregrino e na natureza e a experiencia do Camiño de Santiago.

Beethoven e Mendelssohn
A orquestra interpretará ademais o Concerto para piano nº 5 "Emperador" de Ludwig van Beethoven (1770-1827). Esta obra está inspirada no horror que supuxo a entrada do exército napoleónico en Viena, en maio de 1809. Pertence á época na que o xenial compositor padecía unha crise na súa crecente xordeira, provocándolle unha gran vida interior cun incrible mundo sonoro que exteriorizaba en obras como este concerto. Os músicos estarán acompañados nesta obra polo pianista ruso Sergei Yerokhin.

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 4 "Italiana" do compositor alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Foi grande amigo de Goethe, quen lle suxeriu unha viaxe por Italia, sendo un dos primeiros artistas en viaxar por Europa aberto a vivificantes experiencias. A súa estancia en Roma inspíralle a composición desta obra, que se converterá nun dos mellores exemplos do seu talento e que lle brinda o recoñecemento dos seus contemporáneos, cualificándoa de "obra mestra". O segundo tempo é coñecido como "a marcha dos peregrinos", inspirado nun canto bohemio dos camiñantes.

Compartir: