CULTURA

Ana Belén protagoniza "Kathie y el hipopótamo", de Mario Vargas Llosa

07/10/2014 Ana Belén protagoniza a obra Kathie y el hipopótamo, de Mario Vargas Llosa dentro do programa de Teatro & Danza. Será este domingo 12 de outubro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, cando poderemos ver esta obra que chega a Compostela da man de PLATEA, Programa Estatal de Artes Escénicas promovido polo INAEM.

Ana Belén é Kathie Kenety, unha muller da alta sociedade de Lima que contrata o profesor universitario Santiago Zavala para que escriba un libro sobre as súas viaxes por Asia e África. O Premio Nobel peruano Mario Vargas Llosa reflexiona sobre como e porqué nacen os relatos e o xeito en que o cerebro humano se vale da imaxinación para crear ou completar historias que nunca aconteceron na vida real.

"Cando escribín a peza nin sequera sabía que tema profundo eran as relacións entre a vida e a ficción, alquimia que me fascina porque o entendo menos canto máis o práctico", di o autor sobre Kathie y el hipopótamo.

As entradas poden mercarse a un prezo de 25 euros (22 € para o anfiteatro) no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas, de martes a sábado e días de evento), na web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.

Compartir: