TURISMO

O Mercado de Abastos compostelán acollerá unha exposición fotográfica de Área Santiago

07/10/2014 O Mercado de Abastos de Santiago acollerá antes do Nadal unha exposición coas fotografías participantes no concurso que o grupo de promoción turística Área Santiago organizou o pasado verán a través das redes sociais, segundo acordaron os representantes dos 16 concellos do grupo que se reuniron hoxe no Cersia.

O obxectivo do concurso foi dar a coñecer os atractivos dos Concellos que forman parte de Área Santiago: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. As imaxes podían estar tomadas en calquera dos 16 concellos.

O concurso estivo aberto á participación tanto dos propios habitantes dos concellos como aos visitantes. No concurso definíronse catro categorías distintas para destacar os múltiples recursos dos concellos de Área Santiago: Festas e tradicións, Patrimonio histórico e cultural, Paisaxes e natureza, e Gastronomía.

A organización da exposición no Mercado de Abastos permitirá amosar diferentes aspectos dos concellos de Área Santiago dende a mirada dos propios veciños e os seus visitantes nun espazo que é o segundo lugar máis visitado da cidade. A base da exposición serán as 138 imaxes que se presentaron ao concurso, das cales se seleccionarán as 50 máis representativas.

Na reunión tamén se acordou editar un folleto para a promoción da gastronomía de Área Santiago. Deste xeito o grupo continuará coa promoción dun dos seus principais atractivos, seguindo co traballo que se desenvolveu en Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, onde os concellos do grupo amosaron os seus produtos máis destacados.

Compartir: