CENTROS SOCIOCULTURAIS

Comeza a pasar polos centros socioculturais a exposición "As fotos máis antigas de Galicia"

06/10/2014 A partir deste martes 7 e ata o dia 21 de outubro, o Centro Sociocultural das Fontiñas acolle a exposición fotográfica As fotos máis antigas de Galicia, producida pola editorial Alvarellos.

Segundo indica o comisario da mostra, Henrique Alvarellos, exhíbense 19 imaxes de Santiago de Compostela e unha de Ferrol datadas en 1858, obras do artista compostelán Andrés Cisneros, pioneiro da fotografía española. Parte destas imaxes integrarían un álbum de agasallo á raíña Isabel II, que en setembro de aquel ano visitou Galicia.

En 1858, a fotografía levaba pouco máis dunha década inventada, polo que esta serie sitúa a Santiago entre as cidades de España pioneiras no cultivo dunha técnica que revolucionaría a nosa forma de ver o mundo"(Henrique Alvarellos, Comisario)

A exposición comezou a súa andaina no Café Casino de Compostela, no mes de setembro, e estará a partir deste mes de outubro e ata o mes de xaneiro, circulando por diversos centros socioculturais. O CSC das Fontiñas é a primeira das paradas. A exposición poderá visitarse no horario habitual do centro, de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: