CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúa aberta a inscrición nos obradoiros programados no Compostela Cine Classics

06/10/2014 O programa sociocultural Compostela Cine Classiscs 2014 mantén aberto o prazo para participar nos Classicobradoiros, actividades formativas dirixidas a públicos diversos (infantil e adultos. Estes talleres requiren inscrición previa e teñen prazas limitadas, 20 por obradoiro. Os interesados poden dirixirse para anotarse aos centros socioculturais, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Cara o público infantil, unha das actividades previstas, neste caso para centros de ensino, é o Cineclub infantil: Descubrindo mundos de cine. Celebrarase o xoves 27 de novembro, de 12:00 a 13:15 horas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. O Festival Curtocircuíto colabora nesta iniciativa, con participación gratuíta.

Tamén se programou para nenos e nenas de 6 a 12 anos o Obradoiro de caracterización e maquillaxe de cine. Igualmente de balde, celebrarase o mércores 3 de decembro, de 18:00 a 20:00 horas, no Centro Sociocultural José Saramago de Vite.

Durante catro venres, a partir do 28 de novembro e en horario de 18:00 a 20:00 horas, realizarase no Centro Sociocultural da Trisca o Obradoiro de pequenos cineastas: Viaxamos a Bollywood!. Está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que poderán coñecer os costumes, forma de traballar, bailes e cancións dunha das máis importantes industrias do cine. O prezo deste taller é de 14 euros.

Nesta segunda edición do programa tampouco faltarán os Pequeclassics!, para nenos de 4 a 12 anos. Son obradoiros creativos para achegar os máis pequenos á maxia do cine. Celebraranse do martes 11 ao sábado 15 de novembro, en horario de tarde, nas aulas e espazos de xogo dos centros socioculturais de Santa Marta, Conxo, As Fontiñas, O Castiñeiriño, A Trisca e O Ensanche. Son gratuítos e cómpre consultar a programación específica en cada CSC.

Análise fílmica e linguaxe cinematográfica
Para os adultos, a oferta inclúe un obradoiro de análise fílmica, titulado Como ver cine clásico e non morrer no intento (2ª parte). Realizarase o mércores 15 de outubro, de 18:30 a 21:30 horas, no CSCXM do Ensanche. Esta é tamén unha actividade gratuíta.

Ademais, o director e guionista Pela del Álamo impartirá un Taller de achegamento á mirada cinematográfica: Todos somos cineastas. Nesta actividade, os participantes explorarán a súa forma de mirar o mundo e a súa posición como cineastas en potencia. Non son necesarios coñecementos previos. Este obradoiro ten un custo de 17 euros e desenvolverase en catro sesións: mércores 29 e xoves 30 de outubro, e martes 11 e xoves 13 de novembro, de 19:00 a 21:30 horas, no CSC das Fontiñas.

Direcciones relacionadas



Compartir: