ALCALDÍA

O alcalde destaca o labor de COGAMI pola integración e participación activa das persoas discapacitadas na vida económica e social

04/10/2014 O aparcadoiro do Estadio de San Lázaro acolleu a Xornada informativa sobre novas adaptacións para vehículos de persoas con mobilidade reducida, organizada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) en colaboración con Adaptamóvil. O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou neste evento, que incluíu unha exposición de vehículos adaptados a diferentes necesidades dos seus ocupantes, charlas informativas e asesoramento personalizado.

Agustín Hernández destacou o labor de COGAMI nos seus 24 anos traballando pola integración e participación activa das persoas discapacitadas na vida económica e social de Galicia. "É un labor tenaz e constante para potenciar o movemento asociativo, para darlle solución ao illamento de persoas cunha problemática complicada, sobre todo no medio rural, e para articular un conxunto de iniciativas empresariais para integrar a esas persoas, que non teñen doado acceder ao mercado laboral".

Tal como lembrou o alcalde, a iniciativa empresarial de COGAMI esténdese a varios ámbitos, entre os que destacan as empresa COREGAL (inicialmente dedicada á reciclaxe de cartón e papel, ampliada hoxe a outros produtos) que ten a súa planta principal en Santiago e a empresa TRAMEVE, radicada no polígono do Tambre (dedicada á recuperación e venda de pezas de vehículos). A propósito destas empresas vinculadas a COGAMI, que ofertan arredor dun centenar de empregos na bisbarra compostelá, salientou dúas vertentes das mesmas: o seu labor para mellorar a calidade ambiental e a súa axuda á inserción laboral.

"O traballo deste tipo de entidades axuda a sensibilizar, non só ao conxunto da poboación, senón tamén as entidades públicas e privadas sobre a necesidade e as vantaxes de colaborar no proceso de integración", apuntou o alcalde. No eido público, referiuse aos avances producidos nos dereitos deste colectivo en materias como o acceso á función pública, as bonificacións para empresas contratantes, a exención de pagamentos de taxas, as matrículas, as reservas de espazos en zonas públicas, as melloras de accesibilidade, as vantaxes nas viaxes en transporte público, a teleasistencia ou o transporte adaptado, entre outras.

Non obstante, recoñeceu que "aínda queda moito por facer nunha sociedade na que, a través de séculos, a discapacidade foi ignorada ou proscrita da vida social, pero avanzamos cada paso a maior ritmo". Por iso, dixo, "dende o Concello de Santiago estamos a traballar nesa dirección de facilitar a inserción e de facer una cidade cada paso máis accesible. E tratamos de facelo desde a colaboración e o entendemento de entidades como COGAMI".

Concello de Santiago e COGAMI veñen colaborando dende hai anos. Así, GOGAMI está integrado como órgano de participación no programa Urbana Santiago Norte, dedicado, entre outras cousas, a mellorar as condicións de habitabilidade e accesibilidade de 15 barrios da cidade, e colabora co Concello, non só advertindo das necesidades máis urxentes de actuación, senón tamén á hora de propoñer solucións en determinadas zonas da cidade onde se ten actuado, como nos rebaixes de beirarrúas nos cruces o no acceso ás paradas de autobús.

"No futuro seguiremos a traballar nesa liña porque somos conscientes das necesidades dun colectivo que precisa atención para eliminar non só barreiras físicas, senón tamén barreiras sociais; que precisa dunha integración efectiva que non só redunda no seu beneficio e no das súas familias, senón no do conxunto da sociedade, como o pon de manifesto o labor que leva a cabo COGAMI", concluíu Agustín Hernández.

Compartir: