CONSORCIO

O Consorcio participa nun programa europeo destinado a mellorar a eficiencia enerxética en edificios e conxuntos históricos

03/10/2014 O Consorcio de Santiago participa no Programa Effesus, un dos principais proxectos de investigación da Unión Europea centrados na cidade, a rehabilitación e a enerxía. No marco desta iniciativa, o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Ángel Panero, responsable científico do proxecto, asistiu ao longo desta semana a varias reunións de traballo celebradas nas cidades escocesas de Glasgow e Edimburgo, organizadas pola axencia de patrimonio do goberno escocés, un dos socios implicados no programa.

O proxecto Effessus, "Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos", enmárcase no Sétimo Programa Marco de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, que é o principal instrumento de financiamento da investigación avanzada da Unión Europea. O seu obxecto é desenvolver solucións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética en edificios e conxuntos históricos de Europa, compatibles coa preservación e a posta en valor do patrimonio cultural que representan.

O Consorcio de Santiago é un dos 23 socios do programa, xunto con institucións, universidades e empresas de toda Europa. Foi convidado a integrarse pola súa experiencia de máis de 15 anos de actuacións na rehabilitación da cidade histórica de Santiago.

O organismo traballa por mellorar as condicións de habitabilidade nas vivendas, aumentando o seu confort e reducindo os custos de mantemento, o seu consumo enerxético e as emisións de CO2. Búscase ademais implicar aos habitantes na mellora da eficiencia enerxética da cidade a través da recuperación dos hábitos e formas de uso tradicionais das súas vivendas. Nesta liña, "identificaranse as boas prácticas vencelladas ás solucións arquitectónicas tradicionais, previas á aparición dos combustibles derivados dos carburos, e que demostran un aforro enerxético", indica Ángel Panero.

Ademais, a cidade histórica de Santiago de Compostela é un dos sete casos de estudo que abordará o programa, coa finalidade de analizar o comportamento enerxético dos edificios históricos e crear ferramentas de actuación en materia de rehabilitación que melloren a habitabilidade. Trátase de deseñar protocolos de actuación para mellorar a xestión dos centros históricos europeos. As outras cidades que serán obxecto de estudo son Estambul (Turquía), Budapest (Hungría), Glasgow (Escocia), Bamberg (Alemaña), Visby (Suecia) e Xénova (Italia).

Foros de debate entre os cidadáns da cidade histórica
O Consorcio de Santiago difundirá entre os seus socios europeos o Sistema de Información Patrimonial, como exemplo de ferramenta informática de grande utilidade na xestión das actuacións de conservación do patrimonio edificado. Este portal, accesible a través de internet tanto para profesionais como para calquera cidadán, recolle todo tipo de datos relacionados co patrimonio inmoble da cidade histórica de Santiago.

No marco deste proxecto, o organismo tamén dará a coñecer aos seus socios europeos o plan para a renovación de infraestruturas na cidade histórica de Compostela. E organizará foros de debate entre os cidadáns do casco histórico co propósito de compartir experiencias e opinións neste eido.

O Consorcio validará na cidade histórica de Compostela os protocolos de actuación que se deriven do programa Effesus, cara a contrastar a súa utilidade e capacidade de mellorar a calidade de vida na mesma.

O proxecto ten un presuposto global duns 6,7 millóns de euros, dos que 5 millóns están financiados pola Unión Europea. A duración estimada dos traballos, que se iniciaron en setembro de 2012, é de catro anos.

Compartir: