XUNTA DE GOBERNO

Achega municipal de 45.000 euros para o Obradoiro e de 30.000 euros para o Club Ciclista Compostelán

03/10/2014 A Xunta de Goberno tamén aprobou convenios de colaboración con dúas entidades deportivas da cidade: o Obradoiro Club Amigos de Baloncesto SAD e o Club Ciclista Compostelán. Estas dúas axudas suman 75.000 euros e faranse efectivas mediante a sinatura dos respectivos convenios.

Segundo explicou o alcalde, no caso do Obradoiro, a axuda de 45.000 euros está destinada a contribuír aos gastos de arbitraxes, seguros dos xogadores e outros conceptos pola participación do equipo na máxima categoría do baloncesto nacional durante o ano 2014, correspondéndose en realidade coas temporadas 2013-2014 e 2014-2015. Esta temporada comeza mañá sábado, co partido que o equipo compostelán disputará no Multiúsos Fontes do Sar contra La Bruixa d'Or Manresa.

A axuda de 30.000 euros ao C.C. Compostelán dedicarase ao desenvolvemento de actividades e probas en 2014, algunhas delas xa realizadas, como a Volta das Festas da Ascensión, o Trofeo Concello de Santiago para Escolas e Cadetes, o Descenso e Minidescenso de BTT, e outras por realizar como a Carreira de Ciclo Cross, prevista para o vindeiro 23 de novembro.

Acordos coas universidades de Vigo e de Santiago
Tamén foron aprobados os textos de dous convenios a subscribir coas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, ambos sen custo para ningunha das entidades participantes.

No caso do convenio coa Universidade viguesa, a subscribir co Auditorio de Galicia, ten por obxecto é regulación dun programa de prácticas académicas externas dentro do festival internacional de curtametraxes Cortocircuíto 2014. O acordo coa USC está destinado á realización de prácticas no Concello de alumnos do Máster universitario de dereito das administracións e institucións públicas.

Redución da pegada de carbono
Ademais, o Concello asinará un convenio co consorcio do proxecto Zero Emissions (ZEC), que ten como obxectivo mellorar no coñecemento da pegada de carbono da cidade e posibilitar, así, a execución de medidas destinadas a reducila, redundando na calidade de vida da cidadanía e no incremento da sustentabilidade.

A colaboración do Concello, que non supón achega económica ningunha, consiste en autorizar a instalación dos aparatos de medida en determinados vehículos da frota municipal e nas súas instalacións, ademais de permitir a recolección das medicións.

Documentos relacionados



Compartir: